Nova: Difusión do Calendario do Libro e da Lectura de Galicia 2015 co gallo do Día das Librarías
28/11/2014
Difusión do Calendario do Libro e da Lectura de Galicia 2015 co gallo do Día das Librarías
A presidenta da Federación de Librarías de Galicia foi a encargada de recibir o cartel, que recolle as principais efemérides e datas máis significativas neste eido
Esta é unha das actividades realizadas en colaboración cos libreiros en prol da dinamización do libro e da lectura, entre as que tamén tamén se inclúe o programa de encontros literarios ‘Venres nas librarías’, que pecha hoxe a súa primeira edición
Ourense, 28 de novembro de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, fíxolle hoxe entrega á Federación de Librarías de Galicia do Calendario do Libro e da Lectura de Galicia do 2015, nun acto celebrado co gallo do Día das Librarías. O cartel do ano próximo recolle as principais efemérides e datas máis significativas vinculadas ao libro e á lectura, dúas delas incorporadas recentemente: o Día das Usuarias e Usuarios das Bibliotecas (11 de xaneiro) e o Día da Ilustración (30 de xaneiro). A encargada de recibilo foi a presidenta da federación, Pilar Rodríguez, que estivo acompañada por varios membros da entidade.
O Calendario do Libro e da Lectura de Galicia, elaborado anualmente para lle dar cumprimento ao estipulado na Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e a lectura de Galicia, ten como obxectivo promover na sociedade a celebración de actividades arredor das principais efemérides e datas conmemorativas vinculadas ao libro e á lectura; facilitando a planificación de actuacións que promovan o interese polos libros e as nosas letras.
Ao acto, ademais do conselleiro, asistiu tamén o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; e a xefa territorial da Consellería na provincia, Mercedes Gallego.
Un ano de conmemoracións
Ademais das dúas devanditas datas, o calendario inclúe no primeiro trimestre do ano a conmemoración do centenario do nacemento de Xosé María Álvarez Blázquez (4 de febreiro), o 180º aniversario do nacemento de Eduardo Pondal (8 de febreiro), o Día Internacional da Lingua Materna (21 de febreiro) e o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro (24 de febreiro). Ademais, en marzo celebrarase o centenario da publicación de Vento mareiro, de Ramón Cabanillas, mes no que tamén se conmemora a Semana da Prensa (9-13 de marzo), o Día Internacional da Poesía (21 de marzo), o 25º aniversario da morte de Ricardo Carvalho Calero (25 de marzo) e o Día Mundial do Teatro (27 de marzo).
No mes de maio o protagonista será o Día das Letras Galegas, dedicado o 17 de maio de 2015 a Xosé Filgueira Valverde. Anteriormente celebraranse o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril), o Día Internacional do Libro (23 de abril) e o Día Mundial da Propiedade Intelectual (26 de abril). Xa pasado o Día das Letras Galegas, que coincide co Día Mundial da Sociedade da Información e das Telecomunicacións, conmemorarase o Día Mundial da Diversidade Cultural (21 de maio), o centenario do nacemento de Ramón Piñeiro (31 de maio) e o Día Internacional dos Arquivos (9 de xuño).
No terceiro trimestre o calendario recolle o 115º aniversario do nacemento do poeta Manuel Antonio (12 de xullo), o Día Internacional da Compresión Lectora (26 de xullo) e da Tradución (30 de setembro), e o Europeo das Linguas (26 de setembro). Por último, o calendario do cuarto trimestre inclúe a celebración do centenario do nacemento de Xaime Illa Couto (23 de outubro), o Día da Biblioteca (24 de outubro), a Semana da Tradición Oral (2-8 de novembro), o día das Librarías (27 de novembro), e mais o Día da Edición (17 de decembro), data que coincide co 120º aniversario do nacemento de Ánxel Casal.
Venres nas librarías despídese en Santiago
A presentación do calendario, que será distribuído entre as entidades adscritas á Federacións de Librarías de Galicia, é unha das actividades realizadas en colaboración cos libreiros en prol da dinamización da lectura, que se suman a outras como Venres nas librarías. Este programa –posto en marcha o pasado mes de outubro pola Xunta de Galicia xunto coa Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega de Editores – ten como obxectivo promover o encontro dos lectores e lectoras cos novos títulos do mercado editorial galego e os seus autores e autoras no espazo das librarías.
O último encontro literario da primeira edición terá lugar esta mesma tarde ás 20 horas na Libraría Pedreira de Santiago de Compostela, onde o escritor Carlos López presentará o seu libro ‘Raros e curiosos’, publicado pola Editorial Embora.
Eduardo Santiago, Ledicia Costas, Suso Lista, Xabier Quiroga e Xurxo Souto foron algúns dos escritores que participaron no programa. Desde o pasado 3 de outubro, novidades de Edicións Xerais, Edicións Embora, Hércules de Ediciones e Tosoxoutos chegaron da man dos seus autores aos concellos de Lalín, Vigo, A Coruña, Moaña, Ourense, Santiago de Compostela, Narón e Lugo a través das librarías Vagalume, Casa do Libro, Cartabón, FNAC, O Pontillón, Andel, La Región, Pedreira, Librouro, Day e Trama co obxectivo de lle achegar á cidadanía os libros e a lectura.