Nova: Os circuítos de espectáculos de Cultura pechan o ano con 1.101 actuacións

30/11/2014

Os circuítos de espectáculos de Cultura pechan o ano con 1.101 actuacións

A Rede Galega de Teatros e Auditorios e a Rede Galega de Salas reforzarán a súa programación infantil durante o Nadal: 58 das 83 representación que ofrecerán en decembro diríxense especificamente aos espectadores máis novos

A última carteleira mensual complétase coas 11 actuacións da Rede Galega de Música ao Vivo

Ao balance anual das tres redes estables de programación sumouse en 2014 a segunda entrega de Cultura no Camiño

  • O Fantabuloso Cine Ambulante dos Irmáns Lumieira O Fantabuloso Cine Ambulante dos Irmáns Lumieira, forma parte da Rede Galega de Salas

Santiago, 30 de novembro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria intensificará a programación infantil da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) e da Rede Galega de Salas (RGS) no mes de decembro, durante o que ofrecerá un total de 58 funcións de teatro, monicreques, maxia, música e novo circo especialmente dirixidas aos espectadores máis pequenos. A meirande parte delas concéntranse, así mesmo, no período de vacacións escolares.

Un total de 36 artistas e compañías como Elefante Elegante, Sarabela Teatro, Tanxarina Títeres, Baobab Teatro, Ghazafelhos, Talía Teatro ou Magín Blanco, entre outros, dan forma a esta ampla carteleira coa representacións das súas últimas propostas para o público infantil e familiar.

Estas representacións forman parte da ampla oferta escénica e musical que Cultura e Educación desenvolve durante todo o ano a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e en colaboración coas entidades públicas e privadas que xestionan os espazos asociados tanto aos devanditos circuítos de teatros, auditorios e salas como á Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV). Así, desde mañá e ata o vindeiro día 31, as tres redes programarán un total de 94 citas en 26 localidades de toda Galicia.

Incremento respecto a 2013
Con esta última carteleira do ano, estes circuítos estables de distribución de espectáculos pecharán 2014 cun balance anual de 782 actividades, cifra que se eleva ata as 1.101 representacións se lle engadimos as 319 citas coa escena e a música programadas de abril a setembro ao abeiro da segunda edición de Cultura no Camiño, iniciativa enmarcada na programación conmemorativa do oitavo centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela. Esta cifra final supón un incremento do 33,87 por cento respecto das 728 actuacións desenvolvidas durante 2013 a través da RGTA, RGS, RGMV e ‘Cultura no Camiño’.

Estes datos veñen a confirmar o papel destas programacións –cofinanciadas en diferentes porcentaxes entre a Agadic e os concellos e entidades implicadas– como unha das principais liñas de apoio aos sectores escénico e musical impulsadas pola Consellería de Cultura e Educación. O seu obxectivo é dotar de estabilidade á distribución dos espectáculos producidos en Galicia de xeito profesional, así como garantir que estes cheguen ao maior número posible de espectadores a través dunha programación xeograficamente descentralizada, continuada no tempo e moi variada canto aos estilos das súas propostas.

A carteleira detallada deste mes de decembro pode consultarse nas seccións de axenda das webs de Cultura da Xunta de Galicia (http://cultura.xunta.es/gl/axenda) e da Agadic (http://www.agadic.info/Axenda).
 

Comparte