Nova: Preestrea en Madrid de O club dos incomprendidos, do galego Carlos Sedes

01/12/2014

Preestrea en Madrid de O club dos incomprendidos, do galego Carlos Sedes

Os Cines Callao acolleron o primeiro pase da fita no marco da Madrid Premiere Week

Trátase dun drama xuvenil baseado na novela Buenos días, princesa, rodado en diferentes localizacións de Galicia e Madrid

  • Imaxe da película O club dos incomprendidos Imaxe da película O club dos incomprendidos

Madrid, 1 de decembro de 2014.- O club dos incomprendidos, filme da compañía galega Bambú Producciones e Atresmedia Cine, prestreouse en Madrid e contou para a súa realización cunha subvención de 252.694 euros a través do programa de axudas da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) á produción de longametraxes cinematográficas.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, asistiu ao primeiro pase deste drama xuvenil baseado na novela Buenos días, princesa, de Blue Jeans, que tivo lugar nos Cines Callao como parte da programación da Madrid Premiere Week. A película, que poderá verse nas salas de cinema españolas a partir do 25 de decembro, supón o salto á gran pantalla de Bambú, centrada ata o de agora na produción de series de televisión tan coñecidas como Velvet, Gran Hotel, Hispania ou Gran Reserva.

Rodaxe en Galicia
Para levar ao cinema este ‘bestseller’ xuvenil de Blue Jeans, pseudónimo do autor sevillano Francisco de Paula, a produtora pontevedresa confiou de novo no realizador coruñés Carlos Sedes, director dos seus éxitos televisivos. A rodaxe, que deu comezo a finais do pasado mes de abril, desenvolveuse en distintas localizacións de Madrid e Galicia, nomeadamente en Cangas e en Vigo.

Ramón Campos, produtor executivo de Bambú con Teresa Fernández-Valdés, asina esta adaptación xunto a Gema R. Neira, Cristóbal Garrido e Adolfo Valor. Os papeis protagonistas recaen nun reparto de novos actores e actrices, como Charlotte Vega, Álex Maruny, Michelle Clavó, Ivana Vaquero, Jorge Clemente e Andrea Trepat, ademais de contar coas interpretacións de Aitana Sánchez-Gijón, Raúl Arévalo e Yon González.

Comparte