Nova: Exposición sobre a figura de Víctor Said Armesto co gallo do centenario do seu falecemento

04/12/2014

Exposición sobre a figura de Víctor Said Armesto co gallo do centenario do seu falecemento

A mostra, que se pode visitar ata marzo na Fundación Barrié, repasa a traxectoria intelectual e humana do que fora o primeiro catedrático de Literatura galego-portuguesa en España

 

  • Victor Said Armesto Victor Said Armesto

A Coruña, 4 de decembro de 2014.- Víctor Said Armesto. A lección dun cidadán libre é a exposición, que se enmarca nas actividades conmemorativas do centenario do falecemento do polígrafo pontevedrés, e  que foi inaugurada hoxe coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Na súa intervención, Vázquez Abad salientou que Said Armesto “é un persoeiro esencial na cultura ibérica que abarca as últimas décadas do século XIX e as primeiras do século XX”, polo que “cómpre que pase a ocupar o lugar que en xustiza lle corresponde no imaxinario colectivo galego”. Nesta liña lembrou que o Goberno galego, a través do departamento de Cultura e Educación, apoia e promove diversas iniciativas para conmemorar esta efeméride e, deste xeito, renderlle “un tributo acorde coa trascendencia da súa figura e do labor que don Víctor desenvolveu ao longo da súa vida en prol do pulo da cultura e da lingua de nós”.

Tampouco quixo esquecer o conselleiro o papel de Víctor Said Armesto como promotor da Real Academia Galega, así como subliñar o seu “firme galeguismo” e a súa “vocación decidida” por participar das correntes innovadoras que circulaban na Europa do seu tempo e que “nos falan dun home único”, asegurou.

A exposición, coa que se pretende rescatar do esquecemento e traer á actualidade a traxectoria vital e profesional de Víctor Said Armesto, poderá visitarse ata marzo de 2015 na Fundación Barrié.

A mostra configúrase como unha visión intelectual e humana da súa figura a través do seu legado escrito, e dos que foran seus amigos e mentores como Manuel Murguía, Miguel de Unamuno, Indalecio Armesto ou Emilia Pardo Bazán, entre outros. Víctor Said Armesto foi o primeiro catedrático en España de Literatura galego-portuguesa, e destacou en múltiples facetas como folclorista, filólogo, filósofo, literato e pensador político.

Ademais do conselleiro, no acto participaron tamén o presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera; o comisario da exposición, Diego Rodríguez; e o coordinador do proxecto, Carlos Villanueva.
 

Comparte