Nova: Escritores e ilustradores difunden a literatura galega na Feira do Libro de Guadalaxara

05/12/2014

Escritores e ilustradores difunden a literatura galega na Feira do Libro de Guadalaxara

Presentacións de libros, obradoiros de ilustración, unha mesa literaria e encontros con alumnado de centros educativos centraron a actividade de María Solar, Miguel Anxo Murado, Luís Pousa, David Pintor e Itziar Ezquieta

Galicia tamén está presente ata o 7 de decembro neste evento internacional cun stand propio para dar a coñecer no exterior as propostas do sector editorial

 

  • Obradoiro de ilustración na Feira do Libro de Guadalaxara Obradoiro de ilustración na Feira do Libro de Guadalaxara
  • Algúns dos ilustradores e escritores galegos na Feira do Libro de Guadalaxara Algúns dos ilustradores e escritores galegos na Feira do Libro de Guadalaxara

Santiago, 5 de decembro de 2014.- A literatura galega foi protagonista durante esta semana na Feira Internacional do Libro (FIL) de Guadalaxara, na que o sector editorial galego participa ata o 7 de decembro co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Presentacións de libros, obradoiros de ilustración, unha mesa literaria e encontros con alumnado de diversos centros de ensino foron as principais actividades nas que participaron os escritores e ilustradores que representaron a Galicia na vixésimo oitava edición da feira: María Solar, Miguel Anxo Murado e Luís Pousa, David Pintor e Itziar Ezquieta.

Ademais, Galicia tamén está presente na feira cunha stand propio no pabillón internacional da FIL co obxectivo de dar a coñecer no mercado interncional as propostas do sector editorial galego. Galaxia, MC Sports, Xerais, Bululú, Alvarellos, Kalandraka, Nova Galicia Edicións, Urco Editora, Trifolium, Hugin e Munin, Ideas Propias, OQO editora, Triqueta Verde e Baía Edicións son algunhas das editoriais que están representadas no stand galego.

Proxectos innovadores
‘Rompendo o proceso creativo: formas literarias e comunicación co lector en Galicia’ foi o título da mesa redonda na que os autores galegos puxeron en común as súas reflexións arredor da proxección das letras galegas no mercado exterior, así como das posibilidades da literatura galega no panorama internacional. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que moderou a mesa, destacou a importancia de buscar novos lectores nos países de fala hispana a través de proxectos innovadores e tamén da participación de Galicia en citas de referencia internacional para o libro como as feiras de Bos Aires, Boloñoa, Frankfurt e Guadalaxara.

Galicia tamén estivo presente esta semana na programación cultural da feira con outras actividades como os obradoiros de ilustración a cargo de Itziar Ezquieta e David Pintor. Ademais, os autores galegos tamén participaron nos Ecos da FIL, que os levou por centros de ensino de México para lles dar a coñecer ao alumnado a literatura galega.

Un evento de referencia para o libro e a lectura
A FIL celébrase ata o 7 de decembro nun espazo de máis de 30.000 metros cadrados, no que 2.000 editoriais e institucións contan cun stand propio. Escritores, axentes, editores de máis de 40 países, libreiros, bibliotecarios, profesores, promotores de lectura e lectores participan na vixésimo oitava edición da feira, que ten a Arxentina como país convidado.

O sector editorial galego nas feiras internacionais
Unha das principais liñas de promoción de obras galegas nos mercados exteriores é a asistencia ás feiras internacionais do libro, un programa promovido pola Consellería de Cultura e Educación en acordo coa Asociación Galega de Editores (AGE), que en 2014 incluíu a presenza de Galicia nas feiras de Boloña, de Buenos Aires, de Frankfurt e de Guadalaxara (México).
 

Comparte