Nova: Preséntase unha obra divulgativa ilustrada sobre Otero Pedrayo

09/12/2014

Preséntase unha obra divulgativa ilustrada sobre Otero Pedrayo

Os coautores son Patricia Arias Chachero e Alfonso Monxardín e reúne 400 documentos gráficos, moitos deles inéditos

O volume foi editado pola Fundación Otero Pedrayo en colaboración coa Editorial Galaxia e conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

  • Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía

Ourense, 9 de decembro de 2014.- O volume Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía 1888-1976 presentouse hoxe en Ourense. Esta obra recolle a totalidade da traxectoria do patriarca das Letras Galegas, do que son coautores Patricia Arias Chachero e Afonso Monxardín. Esta obra foi editado pola Fundación Otero Pedrayo, en colaboración coa Editorial Galaxia, e contou co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Deputación Provincial.

Na súa intervención, Vázquez Abad destacou “a presenza actualizada, o sabio maxisterio e a calor humana de Otero Pedrayo” e afirmou que “con don Ramón latexa a Xeración Nós, o imparable galeguismo do século pasado e a idea rompedora de que Galicia tiña un proxecto de modernidade". “Con esta fotobiografía –explicou o titular de Cultura–, hai un intento seguro de pórlle pel a unha imaxe para moitos mítica".

A edición desta fotobiografía encádrase no desenvolvemento do convenio subscrito polo departamento de Cultura da Xunta de Galicia e a Fundación Otero Pedrayo, e inclúe tamén a organización e celebración do prestixioso Premio Trasalba. Coa realización destas actividades procúrase manter vivo o recordo de Otero Pedrayo e promover o estudo e divulgación deste excepcional intelectual ourensán.

No acto tamén participaron o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar; o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Víctor Freixanes; o presidente do Liceo, Javier Casares, así como os devanditos autores, Afonso Monxardín e Patricia Arias Chachero. Así mesmo, estivo presente no acto celebrado no Liceo o delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez.

O valor conxunto da imaxe e a palabra
Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía 1888-1976 trátase dunha obra divulgativa ilustrada con máis de 400 documentos gráficos, en parte boa parte inéditos ou pouco coñecidos, que contextualizan a traxectoria vital de quen se ten dado en chamar o patriarca das Letras Galegas, unha das figuras literarias e intelectuais que concita maior admiración no seo da cultura galega.

As imaxes e os textos incluídos son froito dun traballo de escolma e recuperación levado a cabo nos fondos de institucións como a propia editorial Galaxia, a Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Penzol de Vigo, a Real Academia Galega, o Museo de Pontevedra, o Arquivo Histórico Provincial de Burgos, o Museo do Pobo Galego e La Región.

‪Retratos dos pais e do resto dos familiares, do escritor canda neno ou como estudante de ensino medio; imaxes que nolo amosan como comprometido membro da Xeración Nós e activo integrante do Partido Galeguista; fotos que nos falan do seu labor docente nos anos 40, dos anos que pasou en Compostela como profesor universitario na Facultade de Historia e tamén, instantáneas dos últimos anos, do seu compromiso coa cultura galega e significado icónico dentro da mesma, estruturan esta obra que procura esclarecer e divulgar o herdo do gran mestre, Otero Pedrayo.

Comparte