Nova: Entrega dos Premios da Cultura Galega

10/12/2014

Entrega dos Premios da Cultura Galega

O escritor Xosé Neira Vilas, a Galería Trinta, o actor Cándido Pazó, o Festival Ortigueira, a Agapi, o profesor David Mackenzie, o Grupo Marcelo Macías e o Centro Pen Galicia recollen os galardóns no día no que se conmemora o centenario da recuperación das cantigas de amigo de Martín Códax

  • Logo dos Premios da Cultura Galega 2014 Logo dos Premios da Cultura Galega 2014
  • Foto dos galardoados cos Premios da Cultura Galega 2014 Foto dos galardoados cos Premios da Cultura Galega 2014

Santiago, 10 de decembro de 2014.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe aos Premios da Cultura Galega -durante a gala de entrega- como a proba de que a nosa é unha cultura madura, “con proxectos e traxectorias que se van decantando no tempo, con iniciativas que xorden do país e retornan ao país para enriquecelo”.

Durante a súa intervención, o responsable do Executivo autonómico recoñeceu que, repasando a lista dos premiados nesta cita, é doado atopar un denominador común: a continuidade. “A literatura de Xosé Neira Vilas componse de numerosas etapas vitais que van deixando a súa pegada en libros inmorredoiros. Se hai un gran escaparate que, durante todos estes anos, mostrou o mellor da nosa creatividade e o mellor de todos os que viñeron a compartir a súa, chámase Galería Trinta. No ano de 1975 xa atopamos na farándula a Cándido Pazó, convertido hoxe nun dos reis da nosa escena. O Grupo Marcelo Macías fúndase en 1941 e aínda lle dura o pulo para pescudar na nosa arqueoloxía, antropoloxía e historia”, salientou.

Así mesmo, subliñou que “o Centro Pen Galicia cumpre 25 anos, sempre teimando na difusión internacional dos autores galegos. A vila de Ortigueira verá nacer no xa alongado 1978 o Festival Internacional do Mundo Celta. As orixes da eclosión do audiovisual galego atópanse na constitución de Agapi; hai vinte anos. O <galego> David Mackenzie comeza os seus traballos de difusión da nosa cultura nos oitenta, e será no 1994 cando se converta no primeiro catedrático de Estudos Galegos no mundo anglófono”.

Ademais do anhelo de continuidade, Feijóo destacou outra característica dos premiados: “O desexo de que a cultura galega estea no mundo, e que o mundo estea na cultura galega. Arelas de universalidade. Transcender o tempo e tamén transcender o espazo”, dixo, ao que engadiu que, se ben a historia ten un cemiterio cheo de culturas que pereceron por basearse en obras efémeras, ou por erguer muros presuntamente protectores contra o alleo, “a nosa está en pé”.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta fixo fincapé na Cultura como nexo de unión. E, neste sentido, afirmou que tamén se precisa das mulleres e homes da cultura galega, xa que “vostedes –aseverou- teñen un inmenso creto no noso pobo. Son unha referencia nun tempo que precisa modelos aos que seguir e admirar. Ningún galego se sinte alleo a Martín Codax, Rosalía ou Castelao. Non hai galego que non fose Balbino, o protagonista das <Memorias dun neno labrego>”, dixo.

O presidente da Xunta concluíu incidindo en que cultura e liberdade forman en todos os pobos do mundo unha forza formidable: “Tamén en Galicia, onde a pedra da <longa noite> caeu vencida pola palabra. Por iso a gran ferramenta da nosa cultura é a lingua. Así o pensaron os que loitaron con ela, e por ela, nos tempos máis escuros. Eles confiaban na capacidade do pobo galego para utilizar esa liberdade na recuperación plena do noso idioma. Esa confianza segue vixente”, aseverou.

Comparte