Nova: Especialistas analizan nun simposio a vida e obra de Díaz Castro
11/12/2014
Especialistas analizan nun simposio a vida e obra de Díaz Castro
Promovido pola Real Academia Galega ao redor da figura do escritor homenaxeado coas Letras Galegas 2014
A Coruña, 11 de decembro de 2014.- Diversos especialistas analizan nun simposio a vida e na obra de do autor Xosé María Díaz Castro ao que este ano se lle dedican as Letras Galegas. Organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Real Academia Galega, os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente, participaron na inauguración do evento, que se desenvolve ao longo do día no salón de actos da Academia.
Na súa intervención, o secretario xeral de Cultura referiuse ao interese do simposio para afondar na figura do tradutor e poeta de Guitiriz, no marco da programación que se vén desenvolvendo ao longo de 2014 arredor das Letras Galegas. “Esta celebración –dixo– enriquécese a través da Academia, como gran directora, dos concellos, fundacións, institucións públicas e privadas, e do conxunto da sociedade, que cada ano fan a súa achega para lle dar pulo ás figuras que se van sucedendo nesta homenaxe do pobo galego aos seus escritores e escritoras, á súa literatura e á súa lingua”.
Na sesión de mañá do simposio interviron Armando Requeixo, Carme Blanco, Luís González Tosar, Félix Villares Mouteira e Xesús Manuel Valcárcel, mentres que, na de tarde, participarán Xosé Manuel Salgado, María Xesús Nogueira, Andrés Torres Queiruga, Afonso Blanco Torrado, Victorino Pérez Prieto, Engracia Vidal Estévez e Xesús Alonso Montero.
Programación das Letras Galegas 2014
A colaboración da Consellería de Cultura e Educación con este simposio enmárcase nas actividades promovidas polo Goberno galego para celebras as Letras Galegas 2014, entre as que destaca a exposición itinerante ‘Nimbos de luz’, que rematará o seu percorrido por Galicia este mes de decembro no concello de Celanova. Actualmente, a mostra, que percorre a traxectoria vital e profesional de Díaz Castro a través de 11 paneis e da proxección do documental ‘O instante eterno’, está aberta ao público no IES Fernando Blanco de Cee, onde permanecerá ata o 14 de decembro.
Edicións conmemorativas, traducións e versións bilingües ao éuscaro, inglés e ruso, materiais audiovisuais, unha web monográfica e actividades de difusión nas bibliotecas de Galicia e nos centros educativos completaron a programación das Letras Galegas 2014 impulsada por Cultura e Educación.