Nova: Nadal no Gaiás arrancará co musical infantil Rolf & Flor no Círculo Polar

14/12/2014

Nadal no Gaiás arrancará co musical infantil Rolf & Flor no Círculo Polar

Este espectáculo de música en directo narra as aventuras de dous divertidos personaxes de debuxos: Rolf e Flor

A programación infantil complétase cos obradoiros Dálle a manivela polo Nadal e Baile de xogos e as visitas familiares á exposición Cinegalicia25

  • A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria trae ata o Gaiás o musical infantil deste Nadal: ‘Rolf & Flor no Círculo Polar’ da banda The Pinker Tones A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria trae ata o Gaiás o musical infantil deste Nadal: ‘Rolf & Flor no Círculo Polar’ da banda The Pinker Tones

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2014.- O Gaiás encherase este Nadal da musical infantil Rolf & Flor no Círculo Polar da banda The Pinker Tones. Será o vindeiro domingo, 21 de decembro, a partir das 18 horas, cando nenos e maiores bailen no Museo Centro Gaiás ao son dunha das bandas de música electrónica máis recoñecidas do momento.

O espectáculo musical abre a programación de ‘Nadal no Gaiás’ e baséase nas aventuras de Rolf & Flor, dous divertidos personaxes que, tras coñecerse no Caribe, reencóntrase agora en latitudes máis frías para vivir aventuras ao ritmo de temas xa coreados entre os nenos como ‘La canción de Mario’ ou ‘Aurora Boreal’.

Tras ser definido como o Sgt. Pepper’s dos discos dos nenos e pasar por festivais como SónarKids, Animac ou Minimúsica; Míster Furia (voz, harmónica, melódica, kazoo e ukelele), Profesor Manso (percusión, glockenspiel e voz) e DJ niño (guitarra e voz) chegan ao Gaiás con este espectáculo acústico para toda a familia. As entradas xa están á venda no Punto On e www.servinova.com a un prezo 6 euros (máis gastos de xestión en servinova).

Visitas familiares a Cinegalicia25
Durante as fins de semana de Nadal tamén é posible descubrir a exposición Cinegalicia25 dunha outra forma. Nenos e pais descubrirán como cobran vida os seus debuxo favoritos, como se fai unha película ou que segredos se agochan tras as cámaras nunha visita cargada de sorpresas. As visitas familiares a ‘Cinegalicia25’ terán lugar todos os sábados e domingos ata o 4 de xaneiro, sábados ás 17:00 horas e os domingos ás 11:30 e 17:00 horas. A entrada é de balde mais é preciso preserva previa en www.cidadedacultura.org.

Obradoiros tradicionais e tecnolóxicos
E para redondear este arranque, grandes e pequenos poderán traballar man a man esta semana en dous obradoiros nos que combinar tradición e novas tecnoloxías, con grandes doses de imaxinación e diversión asegurada. O 22 de decembro, nenos a partir de 6 anos e adultos están convidados polo músico Germán Díaz a Darlle a manivela polo Nadal e compoñer unha melodía que fará saír da súa zanfona.

Ao día seguinte, o 23 de novembro, será momento para o xogo. Da man de Edith Cotilla Quintela e Gustavo Couto Rodríguez, grandes e pequenos a partir de seis anos descubrirán unha chea de xogos cos que introducirnos no baile tradicional por medio de pasos e figuras sinxelas para rematar nunha sesión de xogo-baile colectivo na que gozar en familia.

Os dous obradoiros comezarán ás 16:30 horas cun custo de 3 euros. As entradas xa están á venda en www.servinova.com (+gastos de xestión) e no Punto On da Cidade da Cultura.

Concurso de postais
Os máis pequenos tamén teñen o seu oco nesta programación que, un ano máis, inclúe un concurso de postais co que imaxinar o seu propio Nadal no Gaiás. Destinado a nenos de 0 a 9 anos, participar é moi sinxelo: só hai que coller a plantilla, decorala e enviala por correo postal, correo electrónico (online@cidadedacultura.org) ou depositala no buzón do Museo Centro Gaiás antes deste venres, 19 de decembro. As seis máis orixinais recibirán un agasallo e unha entrada dobre para o espectáculo ‘Al tun tun’.
 

Comparte