Nova: Recta final no CGAI das proxeccións do ciclo CineGalicia 25

15/12/2014

Recta final no CGAI das proxeccións do ciclo CineGalicia 25

Centrarase na etapa máis recente con filmes de Ignacio Vilar, Alfonso Zarauza, Oliver Laxe, Sandra Sánchez, Fernando Cortizo, Eloy Enciso, Lois Patiño, Manuel Gómez e Ángel de la Cruz, entre outros

Desde mañá e ata o domingo proxectaranse nove longametraxes xunto a seis curtas como peche dun programa especial durante o que se terá ofrecido unha escolma de 50 títulos representativos do período 1989-2014

O Centro Galego de Artes da Imaxe remata así a súa programación de 2014, cunha carteleira anual con 370 filmes programados e 184 xornadas de proxeccións, ademais de se incorporar ao Circuíto de Cine Independente e promover unha extensión en Ourense
 

  • CineGalicia 25 Remate do ciclo de proxeccións CineGalicia 25 no Centro Galego de Artes da Imaxe

A Coruña, 15 de decembro de 2014.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) finaliza esta semana o ciclo CineGalicia 25. Que é o cine (galego)? coa proxección de 15 longas e curtametraxes correspondentes á etapa máis recente do audiovisual galego. Será un total de nove sesións coas que o CGAI pechará, así mesmo, a súa carteleira de 2014 despois de ter ofrecido 370 títulos en 184 xornadas de programación.

Con CineGalicia 25, a filmoteca galega súmase ás actividades promovidas pola Consellería de Cultura e Educación para conmemorar o vixésimo quinto aniversario da estrea en novembro de 1989 das tres primeiras longametraxes galegas: Continental, Urxa e Sempre Xonxa. Se a exhibición destas tres fitas claves na historia do noso cinema servía para abrir o ciclo a finais do pasado mes de novembro, a súa recta final dedicarase a producións estreadas desde 2001.

Últimos títulos
Así, esta última semana arranca mañá martes con Pradolongo de Ignacio Vilar (18.00 h) e A noite que deixou de chover de Alfonso Zarauza (20.30 h). Tamén forman parte desta carteleira Celda 211 de Daniel Monzón (mércores 17, 18.00 h),  Todos vós sodes capitáns  de Oliver Laxe (mércores 17, 20.30 h), Tralas luces de Sandra Sánchez (xoves 18, 18.00 h), O apóstolo de Fernando Cortizo (xoves 18, 20.30 h), Arraianos de Eloy Enciso (venres 19, 18.00 h), Costa da Morte de Lois Patiño (venres 19, ás 20.30 h) e  O bosque animado de Manuel Gómez e Ángel de la Cruz (sábado 20, ás 18.00 h).

Completan esta oferta seis destacadas curtametraxes: Os Crebinsky de Enrique Otero, Unha luz encendida de Alber Ponte, 1977 de Peque Varela, Taxia de David Robles, O cazador de Ángel Santos e Anacos de Xacio Baño.

Con estes títulos ponse o broche de ouro a un ciclo ideado a modo de percorrido visual pola historia do cinema galego a través dun total de 50 longametraxes, curtas, fitas de animación e documentais do período 1989-2014. A escolma foille encomendada a unha comisión da que formaron parte oito coñecidos profesionais do sector co obxectivo de ofrecerlles aos espectadores unha carteleira significativa que, centrándose en criterios historiográficos, procurara a maior representatividade e diversidade en canto a formato, xénero, temática ou autoría.

Como complemento, tamén foron seleccionadas varias producións consideradas pioneiras e realizadas durante os anos setenta e oitenta, para configurar tres sesións especiais que terán lugar os días 15, 22 e 29 de xaneiro.

Balance anual
Con este ciclo finaliza, así mesmo, un ano de programación na sala de proxeccións do CGAI na Coruña, durante o que –entre outras liñas de actividade– se avanzou na difusión entre o público galego de destacados títulos do cinema independente e experimental internacional, a través de seccións como Fóra de Serie ou Desencadres, así como de novos proxectos e traballos de realizadores galegos nos sábados de Off Galicia.

O Centro Galego de Artes da Imaxe ofreceulles aos espectadores a posibilidade de participar en coloquios con cineastas emerxentes e consagrados do panorama español e internacional (Gunvor Nelson, Larry Gottheim, Mike Hoolboom, Gonzalo García-Pelayo, Nicolás Pereda, Albert Serra e Jorge Tur, entre outros), ademais de recuperar en pantalla grande figuras históricas do cinema como Jerry Lewis, Roberto Rossellini, Buster Keaton ou Marlen Khutsiyev.

Novidades
Entre as novidades deste ano destaca a incorporación da filmoteca galega ao Circuíto de Cine Independente, unha nova rede de salas de exhibición en centros culturais públicos para atender a difusión de películas de calidade procedentes do circuíto internacional de festivais, pero sen distribuidora en España. Xunto co CGAI, forman parte de esta iniciativa os centros Tabakalera (San Sebastián), MUSAC (León), Centro Cultural Niemeyer (Avilés), Cineteca (Madrid) e Filmoteca de Culturarts-IVAC (Valencia).

Tamén en 2014 deu comezo en Ourense a primeira extensión da programación do Centro Galego das Artes da Imaxe fóra da súa sede da Coruña, durante a que se proxectou un total de 26 fitas grazas á colaboración asinada entre a Consellería de Cultura e Educación e a Asociación Cultural Cineclube Padre Feijoo.
 

Comparte