Nova: A Xunta aposta por estreitar lazos con Portugal na II edición do proxecto 'Nortear Ilustrado' na Illa de San Simón
08/10/2020
A Xunta aposta por estreitar lazos con Portugal na II edición do proxecto 'Nortear Ilustrado' na Illa de San Simón
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, deulle a benvida aos participantes desta residencia artística
O evento reúne a catro recoñecidos ilustradores galegos e lusos, que desenvolverán un proxecto artístico conxunto desde hoxe e ata o sábado
Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2020.- A Xunta aposta por estreitar lazos con Portugal a través da segunda edición do proxecto Nortear Ilustrado San Simón, un encontro en formato de residencia artística que se celebrará desde hoxe e ata o sábado na Illa de San Simón. Precisamente, o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe este evento xunto co xefe de división da dirección rexional de Cultura do Norte de Portugal, Joâo Ribeiro da Silva, e a coordinadora da iniciativa, Julia Lago.
A iniciativa reúne a catro profesionais recoñecidos dentro do mundo da creación como os galegos Iria Fabián e Leo Sousa e os portugueses Francis.co e Eva Halfers. No marco de Nortear Ilustrado San Simón todos eles desenvolverán un proxecto conxunto en forma de diario de viaxe que incluirá apuntes, texturas e imaxes da illa e que seguirá un fío condutor común. O obxectivo será crear unha obra que recolla os diferentes estilos dos artistas.
Ademais, ao longo dos tres días, os catro artistas recibirán aos alumnos da EASD Pablo Picasso, que participarán nun taller de debuxo do natural que terá por obxectivo crear unha historia gráfica sobre a Illa a partir das obras dos alumnos.
Colaboración a través da cultura
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade, xunto coa Dirección Rexional de Cultura do Norte, e o Agrupamento europeo de Cooperación Territorial da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, participan desde 2015 a través dun Memorando de Entendemento no Programa Nortear para fomentar o coñecemento mutuo e a difusión da cultura de Galicia e da rexión Norte de Portugal.
As tres entidades, que colaboran de forma continuada, promoven diferentes actividades con vistas a un maior coñecemento mutuo a través da cultura, da literatura e da creación artística en ambos os dous territorios, impulsando a expansión e o coñecemento do tecido artístico e creativo, así como estimulando dinámicas de colaboración entre os axentes culturais deste espazo de cooperación. Entre elas, ademais de esta exposición, atópanse conversas, roteiros literarios virtuais ou intercambio de fondos bibliográficos entre outras.