Nova: Preestrea no Teatro Principal de Santiago da miniserie Códice
17/12/2014
Preestrea no Teatro Principal de Santiago da miniserie Códice
A fita de Ficción Producións recrea o roubo do Códice Calixtino acontecido na Catedral compostelá
Santiago, 17 de decembro de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, acompañado pola secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez Sierra; e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asistiu esta tarde á estrea da miniserie de televisión ‘Códice’, proxecto audiovisual da produtora galega Ficción Producciones, recrea o suceso do roubo do Códice Calixtino acontecido no templo compostelán. A fita está cofinanciada polo departamento que dirixe a través dunha subvención de 208.078,64 euros, no marco da convocatoria de 2013 de axudas para producións ou coproducións audiovisuais en lingua galega con decidido contido artístico e cultural da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
‘Códice’, dirixida por Jorge Cassinello e protagonizada por Miguel de Lira, María Vázquez, Carlos Blanco, Antonio Durán ‘Morris’ e Francis Lorenzo, ten como punto de partida o roubo do Códice Calixtino, polo que a rodaxe se desenvolveu en localizacións da zona monumental compostelá, sendo a primeira fira non documental que se roda no interior da Catedral. Xunto aos intérpretes principais tamén forman parte do reparto de máis de 20 actores seleccionados María Castro, Mónica Camaño, Tamar Novas, Sabela Arán, Manuel Lozano, Xulio Abonjo, Xosé Barato, Manuel Manquiña, Luís Zahera, Alfonso Agra, Antonio Mourelos, Luís Iglesia, Camila Bossa e Manuel Cortés, ademais de 200 figurantes procedentes de diferentes puntos da xeografía galega.