Nova: Nadal en Rede chega a Santiago para encher estas festas de lecer en galego

18/12/2014

Nadal en Rede chega a Santiago para encher estas festas de lecer en galego

'Espantallo amigo' dos Quinquilláns será o martes 23 e Magín Blanco traerá as ‘Cantigas da estrela’ o domingo 28

As entradas para os dous espectáculos, de balde ata completar a capacidade da Sala Mozart do Auditorio de Galicia, xa se poden retirar do despacho de billetes do Teatro Principal

Desde hoxe e durante a fin de semana as propostas de ‘Nadal en Rede’ percorrerán tamén San Cristovo de Cea, Manzaneda, Burela, Zas, Oroso, Muxía, Redondela, Vilaboa, Lalín e Cuntis

  • Cantigas da Estrela é un dos espectáculos de Nadal en Rede que estará en Santiago Cantigas da Estrela é un dos espectáculos de Nadal en Rede que estará en Santiago

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2014.- Dúas das propostas de Nadal en Rede, o programa de dinamización lingüística posto en marcha por terceiro ano consecutivo pola Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia para promover a celebración do Nadal en galego, chegará á capital de Galicia a vindeira semana da man da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Así o anunciaron esta mañá en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a concelleira compostelá de Normalización Lingüística, María José Corral, acompañados de Magín Blanco, músico encargado da proposta musical Cantigas da estrela, e de Xulio Amigo, representante da Editorial Galaxia, a empresa xestora da peza teatral Espantallo amigo.

“Máis de 60 actividades de promoción do uso da lingua propia de Galicia están xa en marcha en concellos da RDL para promover a celebración do Nadal en galego e a galeguización destas festas nas que os máis pequenos da casa cobran un protagonismo especial. Un protagonismo que tamén queremos brindarlle en Nadal en Rede porque nel vemos a oportunidade de achegarlle á nosa xente miúda a lingua galega desde o tempo de lecer e desde os motivos típicos do Nadal, como as cartas aos Reis Magos, os galanos ou as cabalgatas municipais”, sinalou o secretario xeral.

Nadal en Rede en Compostela a vindeira semana
Así, Espantallo amigo e Cantigas da estrela poderanse gozar a vindeira semana na capital galega, ambas as dúas propostas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. A primeira delas representarase o martes 23 ás 17:30 horas mentres que a segunda se desenvolverá o domingo 28 ás 12:30 horas, respectivamente. Nos dous casos as entradas, de balde e libres ata completar a capacidade da sala, xa se poden retirar do despacho de billetes do Teatro Principal (de martes a sábado en horario de 18:00 a 21:00 horas).

Espantallo amigo
Nadal en Rede ofrece en sete concellos da RDL unha nova adaptación teatral do Espantallo amigo, de Xosé Neira Vilas, que chega da man dos Quinquilláns nunha revisión na que Lucho Penabade e Tero Rodríguez continúan a historia orixinal contada polos adultos que lle deron vida á trama orixinal da novela neiraviliana. Nunha proposta escénica deseñada por Xosé Vizoso, a actividade ofrécelle como complemento aos espectadores unha reedición especial ilustrada por Xaquín Marín (Editorial Galaxia). A proposta teatral, dirixida a público xeral a partir dos sete anos, chegará a Santiago de Compostela o martes que vén, logo da súa exitosa estrea no Liceo de Ourense.

Cantigas da estrela
Magín Blanco anima a xente miúda a seguir o ronsel das estrelas para gozar do Nadal coas músicas máis coñecidas de Gatuxo e de A nena o grilo, nun concerto moi especial que integra vilancicos inéditos do músico e compositor. Acompañarano María Faltri e Jorge Juncal nunha xira que fará parada en 19 localidades da RDL coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña en concellos da súa competencia territorial. Unha cita imprescindible para celebrar o Nadal cantando en galego, que chegará, logo do seu paso por Cee, Palas de Rei e Cangas, durante esta fin de semana a Muxía (mañá ás 18:30 horas, no salón de actos do Edificio de Servizos Múltiples) e a Redondela (o sábado 20, no Multiúsos da Xunqueira).

A cantar con María Fumaça
A coñecida Uxía convida as familias e a súa xente miúda a subir no tren da música para festexar o Nadal cantando e bailando en galego. Nun concerto exclusivo de Nadal en Rede percorrerá 14 localidades galegas acompañada de Santi Cribeiro e de Sérgio Tánnus, da famosa María Fumaçá e dun amplo e divertido repertorio no que combinará as pezas do Xiqui xoque, fiú fiú con panxoliñas e con outras músicas tradicionais propias deste tempo.

Logo do seu paso por Fene e por Ordes, o concerto chegará a Burela mañá venres (na Casa da Cultura ás 17:30 horas) e o domingo 21 a Vilaboa (á Casa da Cultura Río Maior ás 12:00 horas) e mais a Lalín (no Salón Teatro ás 18:30 horas).

Feliciano
Os 7 magníficos + 1 (os televisivos Fran Rei e Pedro Brandariz) agasallarannos cunha boa dose de risas e de alegría para despedir o ano 2014 e darlle a benvida ao 2015. Porque o Nadal non é só cousa de nenos, esta proposta para público de todas as idades integrada por pequenas pezas humorísticas farán que en 18 concellos se contemplen estas festas cunha mirada desenfadada. A Deputación Provincial da Coruña, membro da RDL, tamén colabora nesta actividade exclusiva levándoa a concellos do seu ámbito territorial. Logo das primeiras funcións en Carral, Carballedo e Trazo, a proposta chega hoxe a Zas (cun pase no Auditorio de Baio ás 19:30 horas) e o domingo 21 a Cuntis (con outro na Casa da Cultura, ás 19:00 horas).

Lingua de Reis
Onte encetaron os Magos de Oriente os encontros con escolares de infantil e primaria que no marco de Nadal en Rede 2014 os levarán a cinco concellos para amosarlle á xente miúda que o galego tamén é Lingua de Reis. Logo do seu paso polo CEIP Eduardo Cela Vilas de Triacastela e polo CPI Poeta Uxío Novoneyra de Folgoso do Courel proseguen hoxe as súas visitas no CEIP Virxe da Saleta de San Cristovo de Cea (a onde acoden tamén os escolares de Piñor) e no CEIP de Manzaneda. Mañá, ás 11:00 horas, recibiraos o alumnado do CEIP de Oroso.

Recursos na rede para galeguizar o Nadal
Ademais destas cinco actividades de dinamización lingüística (coma sempre, todas de balde e con entrada libre ata completar a capacidade das salas) Nadal en Rede inclúe unha ampla oferta de recursos dixitais aos que se pode acceder para a súa descarga gratuíta desde calquera punto de Galicia.

A xente miúda ten á súa disposición un modelo de carta para enviarlle aos Reis Magos en www.xunta.es/linguagalega/carta_maxestades, mentres que os máis vellos, terán a oportunidade de felicitar as festas aos seus amigos e familiares a través das postais electrónicas dispoñibles en www.xunta.es/linguagalega/postais_en_galego. Para que a mocidade elixa en galego os galanos para pedir ou para agasallar nestas festas, xa está no web www.lingua.gal a nova guía de agasallos Un Nadal mozo e en galego, editada conxuntamente pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Por último, e para facilitarlle o traballo nas cabalgatas ás Súas Maxestades, todos os concellos da RDL terán cadanseu exemplar de O libro dos Reis Magos e quen estea interesado/a nel pódeo descargar en www.xunta.es/linguagalega/libro_reis_magos. Toda a información sobre o programa en http://www.xunta.es/linguagalega/nadal_en_rede .
 

Comparte