Nova: Feijóo confirma o inicio de xeito urxente da declaración BIC da biblioteca de Emilia Pardo Bazán para blindar a súa protección

09/11/2020

Feijóo confirma o inicio de xeito urxente da declaración BIC da biblioteca de Emilia Pardo Bazán para blindar a súa protección

Nesta decisión a Xunta inclúe tanto os máis de 7.000 fondos que xa custodia a RAG na súa sede da Coruña, como os arredor de 3.000 volumes que están situados no Pazo de Meirás

Destaca o seu valor sobranceiro tanto pola relevancia intelectual e histórica da súa autora como pola importancia das obras que a compoñen

A declaración supón garantir que esta valiosa colección sexa accesible ao conxunto da cidadanía

 

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2020.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmou hoxe que a Xunta dará resposta á petición realizada pola Real Academia Galega (RAG) e iniciará de xeito urxente o procedemento para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) a biblioteca de Emilia Pardo Bazán, unha valiosa colección que inclúe tanto os máis de 7.000 fondos que xa custodia a RAG na biblioteca e arquivo da súa sede da Coruña, como os arredor de 3.000 volumes situados no Pazo de Meirás.

Así se acordou hoxe durante a reunión que mantivo co presidente da RAG, Víctor Freixanes, á que tamén asistiu o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez. Con esta decisión, a Xunta considera no seu conxunto todos os fondos da biblioteca que a día de hoxe están distribuídos en varios emprazamentos e blindará xa de xeito provisional a protección xurídica desta colección ao acadar o máximo nivel de tutela previsto na lexislación vixente. Trátase dun procedemento fundamental para garantir, ademais, a divulgación deste legado ás xeracións futuras e para que sexa accesible ao conxunto da cidadanía.

No encontro, Feijóo salientou o valor sobranceiro da biblioteca de Emilia Pardo Bazán tanto pola relevancia intelectual e histórica da súa autora como pola importancia das obras que compoñen os fondos. Na actualidade, a Real Academia Galega custodia 7.463 exemplares procedentes do Pazo, que se suman aos 420 da vivenda da propia escritora na Coruña e a un fondo documental que tamén foi legado á RAG, composto por manuscritos literarios, correspondencia, recortes de prensa, entre outros, e que son un referente mundial para os estudos sobre a escritora.

Para completar esta colección, desde 2015 realizáronse por parte da RAG revisións e catalogacións da parte da biblioteca de Emilia Pardo Bazán que aínda está en Meirás e que determinaron que nas Torres hai arredor de 3.000 volumes, na súa maior parte primeiras edicións, moitos deles manuscritos dedicados polos seus autores a esta protagonista da vida intelectual da súa época. E boa parte destas publicacións conteñen, ademais, subliñados e anotacións nas marxes, coa letra da autora, o que os converte en únicos.

Apoio garantido e colaboración constante

Ademais de dar resposta á petición da RAG en relación á biblioteca de Emilia Pardo Bazán, Feijóo agradeceu ao presidente da Real Academia Galega o seu espírito de colaboración e garantiu o mantemento do apoio do Goberno autonómico a esta institución como se vén realizando nos últimos anos.

Tamén se avaliou, entre outros temas, o labor que está a desenvolver esta institución para divulgar a figura de Ricardo Carvalho Calero, así como no fomento do uso do galego na xuventude, nos medios de comunicación, nas empresas e na toponimia mediante o novidoso proxecto Galicia Nomeada, que xa conta con 1.900 colaboradores e máis de 20.000 microtopónimos recollidos. Unha liña de traballo, dixo, acorde coas desenvolvidas polo Goberno autonómico nos últimos anos e que pon de relevancia a importancia de que o traballo ao redor da lingua galega se faga de xeito conxunto desde todas as instancias en que se constrúe Galicia a Administración, a economía, a empresa, a cultura, etc.

 

Comparte