Nova: Laura Calvo gaña a III edición do Premio de Investigación e Ensaio sobre Arte Contemporánea do CGAC
21/12/2020
Laura Calvo gaña a III edición do Premio de Investigación e Ensaio sobre Arte Contemporánea do CGAC
O galardón, impulsado pola Xunta de Galicia, foi entregado hoxe polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo
A finalidade deste recoñecemento é contribuír á investigación e produción de pensamento neste eido a través de traballos inéditos en galego
A premiada traza no seu texto un itinerario polos diversos ámbitos da creación contemporánea a través do uso da cor azul como monocromo
Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2020.- O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, entregou hoxe no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) o Premio de Investigación e Ensaio sobre a arte cuxo obxectivo é, a través dun premio único de 3.000 euros, promover o coñecemento e o acceso do público á arte contemporánea nas súas diversas manifestacións, así como favorecer a comunicación social das artes plásticas.
Nesta terceira edición o premio impulsado pola Xunta de Galicia recaeu sobre Laura Calvo, graduada en Historia da Arte, pola obra orixinal Memoria do Azul, un texto no que a autora traza un itinerario polos diversos ámbitos da creación contemporánea a través do uso da cor azul como monocromo que establece simbolismos e sinestesias. Deste xeito, Laura Calvo súmase ao artista Rosendo Cid, gañador do I Premio CGAC e a María Marco, galardoada na pasada edición.
Durante a entrega do premio, o secretario xeral de Cultura destacou a importancia destes galardóns e a súa contribución á investigación e produción de pensamento a través de textos inéditos escritos en galego e relacionados coa arte contemporánea. Neste sentido, gabou o traballo da premiada na edición deste ano á que se referiu como un autora cunha voz moi persoal e unha mirada multidisciplinar “capaz de establecer suxerentes conexións entre os distintos ámbitos da creación contemporánea”.
O xurado, presidido por Santiago Olmo, director do CGAC, e integrado por Alberto Ruíz de Samaniego, profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidad de Vigo) crítico de arte e comisario; David Chao, profesor da Facultade de Historia da Arte de Santiago de Compostela; Natalia Poncela, critica de arte e comisaria, e Elena Expósito, coordinadora do departamento de publicacións do CGAC, valorou a capacidade de Laura Calvo para abordar algúns dos momentos estelares da cultura visual do século XX como o azul de Yves Klein, o cinema de Derek Jarman, as cores de Fromanger, o Picasso Azul e Rosa como duplicidade, o Deserto Rosso de Antonioni ou as luces e Skyspaces de James Turrell, para rematar con Hito Steyerl.