Nova: Mellora nos servizos da BIblioteca Central de Ferrol

22/12/2014

Mellora nos servizos da BIblioteca Central de Ferrol

Cultura destinará o vindeiro ano 40.000 euros á mellora da colección bibliográfica e á realización de actividades de dinamización da lectura

Equipárase o investimento realizado na biblioteca de Ferrol co do resto das seis bibliotecas centrais territoriais das cidades galegas destinado

  • Imaxe do interior da Biblioteca Central de Ferrol

Santiago, 22 de decembro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria asinará un convenio co Concello de Ferrol para impulsar os servizos bibliotecarios da cidade. Ao abeiro desta colaboración, a Secretaría Xeral de Cultura investirá no próximo ano un total de 40.000 euros na Biblioteca Central Municipal de Ferrol, que se destinarán á mellora e actualización da súa colección bibliográfica e documental, así como á realización de actividades de dinamización da lectura.

A biblioteca de Ferrol, que lles ofrece os seus servizos a máis de 70.000 habitantes, está a desenvolver un labor bibliotecario que supera o da súa tipoloxía actual. Na actualidade, presta todos os servizos que a Lei de bibliotecas de Galicia lle asigna a unha biblioteca coa tipoloxía de central territorial. Por iso, mentres non se aprobe o Mapa de Bibliotecas Públicas de Galicia, que lle asignará formalmente esta categoría, a Consellería considera necesario equiparar o orzamento que inviste en mellora das coleccións e actividades de dinamización nas seis bibliotecas centrais territoriais das cidades galegas, ás que a anterior Lei de bibliotecas lles asignou a categoría de bibliotecas nodais.

Así o informou o secretario xeral de Cultura na segunda sesión do Consello de Cooperación Bibliotecaria, que tivo lugar hoxe na Biblioteca de Galicia. Durante a reunión aprobáronse os estándares para as bibliotecas públicas de Galicia, que, xunto coa elaboración do censo de bibliotecas, son a base para a elaboración do que será o Mapa de Bibliotecas Públicas de Galicia, que se prevé aprobar a finais de 2015. Tamén se abordaron na sesión a implantación da nova plataforma para o préstamo do libro electrónico nas bibliotecas GaliciaLe, o balance do programa de dinamización da lectura Ler conta moito 2014 e a memoria anual da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Reforzar os servizos bibliotecarios de Ferrol
Segundo establece o convenio, o Concello de Ferrol comprométese a proporcionar os servizos bibliotecarios adecuados para o cumprimento das funcións dunha biblioteca de ámbito territorial, a coordinar e apoiar as bibliotecas de ámbito inferior do seu territorio,a adquirir fondos bibliográficos e documentais que sirvan para actualizar e diversificar a súa colección e a realizar actividades de dinamización bibliotecaria e documental destinadas a todos os públicos e ao longo de todo o ano 2015.

A nova consideración de central territorial para a biblioteca de Ferrol que establecerá o Mapa de Bibliotecas de Galicia implicará que nas axudas ou achegas da Consellería se beneficiará dun maior investimento para acometer as funcións atribuídas a este tipo de bibliotecas, que deben ofrecer servizos bibliotecarios integrais ao territorio no que están asentadas e coordinan, e préstanlles servizos de asesoramento, préstamo interbibliotecario e soporte técnico á rede de bibliotecas de ámbito inferior.

O Consello de Cooperación Bibliotecaria
O Consello de Cooperación Bibliotecaria, presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, ten como obxectivos principais actuar como órgano de información, consulta e asesoramento sobre as políticas bibliotecarias de Galicia, potenciar a cooperación entre todas as administracións con competencias no sistema galego bibliotecario e informar o Mapa de bibliotecas públicas de Galicia.

As bibliotecas municipais, as universitarias e as escolares están representadas neste órgano, no que tamén participan o Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo Galego, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e a Asociación de Arquiveiros, Bibliotecarios, Museólogos e Documentalistas de Galicia (Bamad Galicia).

Comparte