Nova: O Salón Teatro despide o ano tras 229 funcións e cos últimos pases de As laranxas

23/12/2014

O Salón Teatro despide o ano tras 229 funcións e cos últimos pases de As laranxas

O escenario compostelán ofreceu de xaneiro a decembro 110 representacións teatrais, 96 proxeccións audiovisuais e 18 concertos en 142 días de apertura

A obra para público familiar montada polo CDG a partir do texto de Carlos Casares poderá verse ata o martes día 30 ás 18:00 horas
 

  • Últimos pases de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas Últimos pases de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas
  • Salón Teatro Salón Teatro

Santiago, 23 de decembro de 2014.- O Salón Teatro de Santiago, espazo escénico dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, despide a próxima semana a súa programación de 2014 cos últimos pases do espectáculo familiar do Centro Dramático Galego (CDG) ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ e despois de ter desenvolvido ao longo deste ano un total de 229 actividades, entre as que se contan funcións escénicas, concertos e proxeccións audiovisuais.

As representacións da obra de Carlos Casares dirixida por José Caldas que se levarán a cabo ata o martes día 30 porán o punto final ao calendario de actividade no Salón Teatro para o presente ano, durante o que o escenario xestionado a través do CDG acolleu unha intensa actividade artística con 142 días de apertura ao público e outras 75 xornadas de traballo técnico en ensaios ou en labores de montaxe e desmontaxe de espectáculos.

Os eventos realizados no Salón Teatro combinaron teatro, danza e cinema. Ademais dunha presenza destacada das producións e colaboracións asumidas polo CDG, presentáronse as últimas propostas escénicas doutras compañías profesionais galegas e cedéronse as dependencias para que tamén amosaran os seus traballos colectivos culturais de base, universitarios e mesmo entidades benéficas.

Así, nunha clasificación por xéneros, no conxunto de actividades leváronse a cabo 110 funcións escénicas (83 correspondentes a compañías profesionais), 96 proxeccións audiovisuais e 18 concertos musicais ao longo de dous períodos de programación: de xaneiro a xullo e de outubro a decembro de 2014.

Fin de percorrido
Coa recta final de exhibición de ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ en Compostela, Cultura e Educación rematará a exhibición desta montaxe, tras ter visitado desde o pasado outros dez escenarios de toda Galicia co obxectivo de que os espectadores máis novos aprendan a gozar da experiencia de asistir ao teatro e descubran, ao tempo, unha gran figura da nosa literatura.

O espectáculo ofrécelle ao público unha ollada renovada sobre a obra que a compañía da Xunta de Galicia xa levara a escena hai 10 anos. Agora, o CDG reedita a súa homenaxe ao autor ourensán con esta revisión do seu texto e da montaxe previa, para a que volve contar con José Caldas na dirección escénica e con Bernardo Martínez, na musical, ademais de recuperar a escenografía e o vestiario deseñados no seu día pola portuguesa Marta Silva.

Laranxas do limoeiro
A produción de 2014 está interpretada polo elenco que compoñen Alba Blanco Taín, Alberte Cabarcos, Davide González Lorenzo, Ailén Kendelman, Fran Lareu e Laura Villaverde. A súa actuación contribúe a crear o mundo máxico e colorista que habitan Anxa e Elías, xunto á Veciña Sabida, a Veciña Desdentada, o Veciño Gordo e o Veciño da Escopeta, e no que teñen lugar unha serie de disparatados acontecementos que dan comezo cando do limoeiro da horta dos protagonistas abrollan unhas enormes laranxas.

A recreación ideada por Caldas –quen conta con máis de 45 anos de traxectoria vinculada á escena brasileira e, fundamentalmente, á portuguesa– reúne nun só acto todas as expresións artísticas, con elementos que van dende a traxedia grega ao teatro popular de rúa de Brasil e Portugal, pasando pola Comedia da Arte e ofrecendo tamén unha homenaxe ao mundo do circo.

As localidades para as últimas representacións de ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’, que terán lugar ás 18.00 horas, poden adquirirse ao prezo único de 3 euros a través da web http://entradas.abanca.com ou do teléfono 902 434 443. Tamén están á venda na billeteira do propio Salón Teatro (rúa Nova, 34) os días de función desde as 16.00 horas.

Comparte