Nova: A Biblioteca Pública da Coruña celebra con contacontos e música o Día dos Usuarios
29/12/2014
A Biblioteca Pública da Coruña celebra con contacontos e música o Día dos Usuarios
Magín Blanco contará e cantará as historias de A nena e o grilo e María Fumaça
Santiago, 29 de decembro de 2014.- A Biblioteca Pública da Coruña ‘Miguel González Garcés’ comeza o ano con contacontos para os máis novos da casa e coa celebración do Día das Usuarias e Usuarios das Bibliotecas (11 de xaneiro). Deste xeito o departamento dirixido por Vázquez Abad continúa co calendario de máis de 70 citas organizadas para estas datas nos museos e bibliotecas dependentes da Consellería nas catro provincias galegas.
No marco desta programación, o día 3 de xaneiro chegará á González Garcés ‘Contos con Pablísimo’, dirixido a nenas e nenos de máis de 3 anos. Para os de 3 a 10 anos, o día 10 de xaneiro Magín Blanco levará á biblioteca coruñesa as historias das viaxes de ‘A nena e o grilo’, da locomotora María Fumaça, ou da ‘Rosalía pequeniña’ na actividade ‘Libros encantados’. O sábado 17 será a quenda do contacontos en lingua de signos para cativos de máis de 3 anos; e o 24 de xaneiro de 'Contos para a Paz, da man de Rula Fernández Blanco'. As actividades deste mes inclúen tamén un obradoiro de ilustración e banda deseñada, que será impartido por Xosé Tomás o 31 de xaneiro.
Por outra banda, a conmemoración do Día das Usuarias e os Usuarios comezará o día 9 e prolongarase ata o 12 de xaneiro, con visitas guiadas, entrega de agasallos, e co nomeamento de ‘superusuarios’ como socios de honra no 2015. Asemade, co gallo desta celebración continuarase coa campaña solidaria ‘Quitapenas. Nós quitámosche as penas, e ti quítasllelas a outros’. A través dela, todos os usuarios que o desexen poderán ‘liberarse’ das sancións polo retardo en devolver os préstamos achegando produtos alimenticios non perecedoiros. Todo o recadado destinarase ao Banco de Alimentos Rías Altas e a Cáritas Interparroquial da Coruña, entidades que os farán chegar ás persoas necesitadas.
Ata o 17 de xaneiro poden visitarse tamén na Biblioteca Pública da Coruña dúas mostras bibliográficas, unha dela conmemorativa do 130º aniversario do nacemento de Antón Losada Diéguez e outra que -baixo o título ‘O libro e a edición na Coruña’- fai fincapé na produción editora da cidade herculina.