Nova: Máis de 20 concellos recibirán o Aninovo co lecer en galego de Nadal en Rede

29/12/2014

Máis de 20 concellos recibirán o Aninovo co lecer en galego de Nadal en Rede

Despedirán o 2014 e daranlle a benvida ao 2015 coas propostas de A cantar con María Fumaça, Cantigas da estrela, Feliciano e Espantallo amigo 

  • Nadal en Rede Nadal en Rede
  • Nadal en Rede Nadal en Rede

Santiago, 29 de decembro de 2014.- A ampla programación de Nadal en Rede 2014, que promove a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, despedirá 2014 e dará a benvida ao Aninovo. As propostas musicais A cantar con María Fumaça e Cantigas da estrela, a peza cómica Feliciano e a representación teatral de Espantallo amigo fornecerán de lecer en galego a programación propia dos concellos de Val do Dubra, Ponteceso, Negreira, Melide, Pontedeume, Viveiro, Ferrol, Cabana de Bergantiños, Ames, Carnota, Teo, A Estrada, Santa Comba, Bueu, O Porriño, Castro de Rei, O Saviñao, Verín, Ourense, A Pobra do Caramiñal, A Coruña e Xinzo de Limia para despedir o 2014 e darlle a benvida ao 2015 promovendo o uso da lingua propia de Galicia.

A maiores das actividades de dinamización lingüística, que están a despregarse en máis de 60 localidades ata o 7 de xaneiro, Nadal en Rede 2014 inclúe unha manchea de recursos dixitais pensados para estas festas e descargables, de balde, desde o web www.lingua.gal.

Uxía convida á xente miúda a festexar o Nadal cantando
A coñecida Uxía convida as familias e á súa xente miúda a subir no tren da música para festexar o Nadal cantando e bailando en galego. Nun concerto exclusivo de Nadal en Rede está a percorrer 14 localidades galegas acompañada de Santi Cribeiro e de Sérgio Tannus, da súa famosa María Fumaça e dun amplo e divertido repertorio no que combina as pezas do Xiqui xoque, fiú fiú con panxoliñas e con outras músicas tradicionais propias deste tempo.

Logo da súa estrea en Fene e de pasar por Ordes, Burela, Vilaboa, Lalín, Oleiros, O Barco de Valdeorras, Ribeira e A Estrada, poderase gozar en Melide o martes 30 (cun concerto na Casa da Cultura, ás 20:30 horas), o venres 2 en Ames (na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:00 horas), o sábado 3 en Bueu (no Centro Social do Mar, ás 18:30 horas) e o domingo 4 en Verín (na Casa da Cultura, ás 18:00 horas).

Magín Blanco anima á cativada a seguir o ronsel da música en galego
Magín Blanco anima á cativada a seguir o ronsel das estrelas e da música en galego para gozar do Nadal cos temas máis coñecidos de Gatuxo e da A nena e o grilo, nun concerto moi especial que integra vilancicos inéditos do músico e compositor. Acompáñano María Faltri e Jorge Juncal nunha xira que xa está a percorrer 19 localidades da RDL coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña en concellos da súa competencial territorial.

Unha cita imprescindible para celebrar este Nadal cantando en galego que, logo do seu paso por Cee, Palas de Rei, Cangas, Muxía, Redondela, Ferrol, O Carballiño, Betanzos, Arteixo e Santiago de Compostela, chegará hoxe a Val do Dubra (á Casa da Cultura, ás 12:30 horas) e a Ponteceso (Museo de Arte Contemporánea de Corme, ás 18:00 horas). Mañá, martes 30, a Pontedeume (na Casa da Cultura, ás 12:30 horas) e a Viveiro (Teatro Pastor Díaz, ás 18:00 horas).

Xa o xoves 2, o concerto Cantigas da estrela poderase gozar en Carnota (no Salón de Actos do Concello, ás 12:00 horas) e en Teo (no Centro Sociocultural da Ramallosa, ás 16:00 horas). Durante a fin de semana, Cantigas da estrela chegará, o sábado 3, ao Porriño (no Círculo Recreativo e Cultural, ás 12:00 horas) e a Ourense (Auditorio Municipal, ás 12:00 horas) e á Pobra do Caramiñal (na Praza do Emigrante, baixo carpa, ás 18:30 horas).

Os 7 magníficos + 1, benvida ao Aninovo con humor
Os 7 magníficos + 1 (os televisivos Fran Rei e Pedro Brandariz) xa están a agasallar a RDL cunha boa dose de risas e de alegría para que despidamos o ano 2014 e lle deamos a benvida ao 2015. Porque o Nadal non é só cousa de nenos, esta proposta para público de todas as idades percorre Galicia cunha serie de pequenas pezas humorísticas que nos farán contemplar as festas de Nadal cunha mirada desenfadada. A Deputación Provincial da Coruña, membro da RDL, colabora nesta actividade exclusiva levándoa a concellos do seu ámbito territorial.

Tras a súa estrea mundial en Carral e o seu paso por Carballedo, Trazo, Zas, Cuntis, Barbadás, Miño, Neda, Fisterra e Laxe, chegará hoxe luns a Negreira (Auditorio Municipal ás 19:00 horas), mañá martes a Cabana de Bergantiños (Auditorio Municipal ás 19:00 horas), o venres 2 a Santa Comba (Vivenda Comunitaria, ás 20:30 horas), o sábado 3 a Castro de Rei (Casa da Cultura de Castro de Ribeiras de Lea, ás 17:00 horas) e ao Saviñao (Auditorio Municipal, ás 21:00 horas) e o domingo 4 a Xinzo de Limia (Casa da Cultura, ás 18:00 horas).

Na derradeira semana do ano Feliciano proseguirá ata Reis a súa xira con paradas na Bola e en Ponteceso (sede da Fundación Eduardo Pondal).

Os Quinquilláns traen ‘Espantallo amigo’
Nadal en Rede ofrece en sete concellos da RDL unha nova adaptación teatral do Espantallo amigo, de Xosé Neira Vilas, que chega da man dos Quinquilláns nunha revisión na que Lucho Penabade e Tero Rodríguez continúan a historia orixinal contada polos adultos que lle deron vida á trama orixinal da novela neiraviliana. Nunha proposta escénica deseñada por Xosé Vizoso, a actividade ofrécelle como complemento aos espectadores unha reedición especial ilustrada por Xaquín Marín (Editorial Galaxia).

A proposta teatral, dirixida a público xeral a partir dos sete anos, chega –logo do seu paso por Ourense, Santiago de Compostela, Ribeira e Xinzo de Limia- mañá martes a Ferrol (á Capela do Centro Cultural Torrente Ballester, ás 18:30 horas) e o xoves 2 á Estrada (ao Teatro Principal, ás 18:00 horas). Rematará a súa xira no marco de Nadal en Rede o domingo 4 na Coruña (Centro Sociocultural Ágora, ás 18:30 horas).

Recursos tamén na rede
Ademais destas actividades de dinamización lingüística, Nadal en Rede inclúe unha ampla oferta de recursos dixitais aos que se pode acceder para a súa descarga gratuíta desde calquera punto de Galicia.

A xente miúda ten á súa disposición un modelo de carta para enviarlle aos Reis Magos en www.xunta.es/linguagalega/carta_maxestades, mentres que os máis vellos, terán a oportunidade de felicitar as festas aos seus amigos e familiares a través das postais electrónicas dispoñibles enwww.xunta.es/linguagalega/postais_en_galego. Para que a mocidade elixa en galego os galanos para pedir ou para agasallar nestas festas, xa está no web www.lingua.gal a nova guía de agasallos Un Nadal mozo e en galego, editada conxuntamente pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Por último, e para facilitarlle o traballo nas cabalgatas ás Súas Maxestades, todos os concellos da RDL terán cadanseu exemplar de O libro dos Reis Magos e quen estea interesado/a nel pódeo descargar enwww.xunta.es/linguagalega/libro_reis_magos. Toda a información sobre o programa enhttp://www.xunta.es/linguagalega/nadal_en_rede .
 

Comparte