Nova: Axudas a festivais de cine que se celebren en Galicia en 2015
30/12/2014
Axudas a festivais de cine que se celebren en Galicia en 2015
Agadic revalida a dotación de 90.000 euros para esta liña de apoio creada en 2014 en réxime de concorrencia competitiva
O obxectivo segue a ser optimizar, sistematizar e garantir a transparencia no seu apoio económico aos certames, semanas e mostras audiovisuais que se celebran en Galicia
No pasado ano cofinanciáronse a través destas subvencións o festival de documentais Play-Doc de Tui, o de curtametraxes de Cans, a Mostra de Cinema Periférico S-8 da Coruña, así como o Curtocircuíto e o festival de cine euroárabe Amal de Santiago
Santiago, 30 de decembro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abriu as subvencións que concederá a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) en 2015 coa convocatoria da liña de axudas dirixida a apoiar os festivais de cine que se celebren en Galicia o próximo ano e que sexan considerados de interese estratéxico para o sector audiovisual.
O departamento que dirixe Jesús Vázquez Abad revalida así esta convocatoria, publicada onte no Diario Oficial de Galicia (DOG), co mantemento da súa dotación total de 90.000 euros. O obxectivo principal é continuar co avance canto a optimizar, sistematizar e garantir a transparencia na adxudicación dos recursos públicos a este tipo de eventos, de xeito que o orzamento dispoñible para este fin sexa distribuído de acordo cunha serie de criterios obxectivos, así como da valoración da traxectoria, programación, viabilidade e interese dos proxectos presentados.
Deste xeito, percibiron financiamento a través destas axudas as edicións 2014 do Festival Internacional de Documentais Play-Doc de Tui (24.373,57 euros), o Festival de Cans (20.660,81 euros), a (S8) Mostra de Cinema Periférico que se celebra na Coruña (17.360,58 euros), o Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal (13.845,09 euros) e o Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto (13.750,95 euros), estes dous últimos eventos desenvolvidos en Santiago de Compostela.
Requisitos
Poderán optar a estas axudas os festivais de iniciativa tanto privada como municipal destinados á promoción e difusión da produción cinematográfica e audiovisual e que se desenvolvan en Galicia entre o 1 de novembro de 2014 e o 31 de outubro de 2015. Ademais, os eventos deberán ter unha duración mínima de catro xornadas con, polo menos, vinte sesións de proxección, ademais de contar con tres edicións consecutivas anteriores á publicación da convocatoria. O prazo de presentación de solicitudes comeza hoxe e manterase aberto ata o próximo 29 de xaneiro.
A comisión de valoración analizará, entre outros aspectos, a traxectoria dos festivais tomando en consideración datos relativos á súa programación, antigüidade, asistencia de público, repercusión mediática, interese estratéxico para o sector ou impacto económico e cultural no territorio onde se celebra.
Na avaliación dos proxectos tamén se terá en conta a programación e duración da edición para a que se solicita a axuda, a súa promoción do traballo dos realizadores galegos e o impulso á nova creación, as accións dirixidas ao fortalecemento do sector en Galicia, o seu carácter competitivo, os programas de cooperación, a contribución á formación de públicos, a presenza de autores, o plan de comunicación ou a edición do catálogo do evento.
Viabilidade das propostas
En canto ao estudo da viabilidade das propostas, estudarase o seu plan estratéxico a medio prazo e contabilizaranse a porcentaxe da subvención solicitada con respecto ao orzamento subvencionable e as achegas de fondos propios da entidade organizadora e de patrocinios privados.
Nas bases establécense como gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á realización do proxecto, como son os dirixidos á súa difusión e publicidade, a alugar espazos e equipamentos, á contratación de servizos técnicos e profesionais, á xestión das películas, ao subtitulado, a premios oficiais e a viaxes e aloxamento dos participantes nas actividades propostas.