Nova: As tres redes galegas de espectáculos ofrecen ata xuño máis de 400 actuacións

05/01/2015

As tres redes galegas de espectáculos ofrecen ata xuño máis de 400 actuacións

Supón un 12,82 por cento máis ca no primeiro semestre de 2014 e unha investimento de Cultura de 446.891 euros para esta programación de teatro, música, danza, maxia e novo circo

As novas carteleiras da Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Música ao Vivo e Rede Galega de Salas ofrecerán as últimas propostas de 152 formacións 
 

  • Escena de Selección natural, de Teatro do Noroeste. Fotografía: Tino Viz Escena de Selección natural, de Teatro do Noroeste. Fotografía: Tino Viz

Santiago, 5 de xaneiro de 2015.- No primeiro semestre de 2015 promoversase un total de 440 actuacións escénicas e musicais no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios, a Rede Galega de Música ao Vivo e a Rede Galega de Salas, os tres circuítos de distribución de espectáculos que xestiona a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria - a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic)- en colaboración cos concellos e entidades xestoras dos espazos asociados. Esta cifra de funcións supón un incremento do 12,82 por cento respecto ao volume de contratación rexistrado durante o mesmo período do ano anterior.

Cultura e Educación inviste un total de 446.891 euros nestas novas carteleiras, que se despregarán entre os meses de xaneiro e xuño en 75 salas, teatros e auditorios públicos e privados de 45 municipios. Este orzamento experimentou, así mesmo, un aumento do 9,20 por cento en relación ao primeiro semestre de 2014.

O departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad reforza así o papel destes tres circuítos como unha das principais liñas de apoio da Agadic aos sectores profesionais da escena e da música en Galicia. As súas programacións configuran unha oferta cultural intensiva tanto desde o punto de vista da cantidade e variedade estilística como da súa descentralización xeográfica, ademais de confirmar a súa relevancia como canle de encontro habitual entre os espectadores e a produción galega nestes ámbitos artísticos.

As últimas propostas dun total de 152 formacións de teatro, música, danza, maxia e novo circo dan forma a estes novos calendarios de actuacións. Todos os espectáculos foron seleccionados directamente polos programadores dos diferentes escenarios a partir do catálogo de montaxes escénicas e concertos rexistrados na Agadic.

Teatros e auditorios
En concreto, a carteleira da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) ofrecerá neste semestre un total de 261 representacións en 38 dos seus teatros e auditorios asociados e situados en 33 municipios galegos: 16 deles na provincia da Coruña (A Coruña, Ames, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Carballo, Cedeira, Cee, Ferrol, Muros, Narón, Oleiros, Ortigueira, Sada e Santiago de Compostela), 9 en Pontevedra (A Estrada, Cambados, Gondomar, Lalín, Pontevedra, Redondela, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa), 5 en Lugo (Foz, Lugo, Monforte, Ribadeo e Viveiro) e 3 Ourense (O Barco de Valdeorras, O Carballiño e Ourense).

A achega da Agadic á nova programación deste circuíto é de 367.685 euros, aos que se suman outros 348.576 euros que destinan os concellos e entidades públicas xestoras dos espazos.

Con preto de 19 anos de traxectoria, a RGTA caracterízase desde os inicios pola súa contribución á proxección do teatro galego e en galego, ámbito no que se insiren 244 funcións (134 representacións para público adulto e 110 para os espectadores máis novos) das 261 contratadas. Esta aposta polas producións galegas obsérvase xa no arranque da programación, que dá comezo esta mesma semana con catro espectáculos en cartel: ‘Selección natural’, de Teatro do Noroeste, o mércores 7 no Teatro Principal de Santiago de Compostela, ‘Cocido sinfónico’, dos Tres Tenedores, o venres 9 no Centro Cívico Cultural de Arteixo; ‘Zampón, o lambón’, de Fantoches Baj, o domingo 11 no Auditorio Municipal de Ourense; e ‘Historias dun ilusionista’, do Mago Rafa, tamén o domingo no Auditorio de Cedeira.

Música ao vivo
Pola súa banda, os concertos constitúen a oferta predominante na Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV), que neste primeiro semestre de 2015 acollerá un total de 126 citas, das que 120 estarán protagonizadas por 39 grupos musicais, mentres que as seis restantes corresponden a espectáculos de maxia e de teatro de pequeno formato propostos por cinco compañías. A Agadic reserva un orzamento de 54.695 euros ao desenvolvemento deste programa, ao que as 32 salas participantes tamén contribúen cun total de 9.662 euros.

O calendario de concertos da RGMV deu comezo o pasado día 3 con Dakidarría na sala Marrucho de Baiona, Paracetamol na Iguana Club de Vigo e o Mago Xacobe na Ventana de Laxe. Este sábado 10 terá lugar, ademais, o concerto de Eladio y Los Seres Queridos na Zona Zero de Caldas de Reis. En total, esta nova programación esténdese a 22 localidades: A Coruña, A Laracha, Allariz, Bueu, Cangas do Morrazo, Carballo, Culleredo, Ferrol, Lugo, Melide, Moaña, O Barco de Valdeorras, O Grove, O Porriño, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vilagarcía de Arousa, ademais das catro xa mencionadas.

Salas privadas
No caso da Rede Galega de Salas (RGS), as propostas pensadas para o público infantil e familiar sobresaen entre unha oferta multidisciplinar que se materializa en 53 actuacións a cargo de 27 compañías e grupos, das que máis do 50 por cento corresponde a producións especialmente pensadas para os espectadores máis pequenos.

Teatro del Andamio e Sala Gurugú na Coruña, Sala Ingrávida no Porriño, Fundación SGAE en Santiago de Compostela e Teatro Ensalle en Vigo son as cinco salas que acollen a nova programación da RGS, para o que contan cun orzamento de 24.510 euros que lles achega integramente a Consellería de Cultura e Educación a través da Agadic.

A súa carteleira deu comezo tamén o pasado día 3 con ‘Titiricircus’ de Tanxarina na Sala Ingrávida e para esta fin de semana (días 10 e 11) están programadas tres funcións de ‘El gato con botas’, de APP Creacións, no Teatro del Andamio.

Os novos calendarios da Rede Galega de Teatros e Auditorios, a Rede Galega de Salas e a Rede Galega de Música ao Vivo poden consultarse nas seccións de axenda das webs de Cultura da Xunta de Galicia (http://cultura.xunta.es/gl/axenda) e da Agadic (http://www.agadic.info/Axenda).

 

Comparte