Nova: Rematan as obras do centro de interpretación dos petróglifos de Mogor
07/01/2015
Rematan as obras do centro de interpretación dos petróglifos de Mogor
Cultura investiu 352.000 euros nesta sobranceira estación rupestre
Mogor, Marín (Pontevedra), 7 de xaneiro de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou esta mañá o Centro de acollida de visitantes do xacemento arqueolóxico dos petróglifos de Mogor, cuxo remate sinalou como un compromiso cumprido. “Non en balde, o pasado mes de novembro tiven a oportunidade de anunciarlle á alcaldesa de Marín, María Ramallo, que as obras estarían rematadas antes de final do 2014”, dixo.
O investimento total realizado pola Xunta de Galicia nesta sobranceira estación rupestre é de 352.615,27 euros. As actuacións incluíron, desde as primeiras sondaxes até o proxecto museográfico, todos os procesos necesarios para a xestión, conservación e posta en valor dos Petróglifos, co fin de que o Centro de Interpretación se poda abrir ao público neste ano 2015 e difundir o legado que supón estes extraordinarios conxuntos de gravados rupestres.
Os traballos realizados no ano 2014 correspóndense coa execución do proxecto museográfico e o acondicionamento das pasarelas. Nestes pasados meses construíronse, ademais, dúas novas pasarelas de madeira construídas como complemento á edificación do Centro co obxectivo facilitar o acceso ao petróglifo do labirinto e ao petróglifo nº 3. Asemade realizáronse traballos de acondicionamento dos camiños de acceso, e pequenas tarefas de reparación na pasarela xa construída previamente e nas instalacións do centro, en concreto na súa fachada. A intervención completouse co remate da impermeabilización dun dos muros de formigón que conteñen as terras cara á parte alta da ladeira na que se atopa o xacemento.
Durante a súa visita a Marín o conselleiro estivo acompañado pola alcaldesa, María Ramallo; polo delegado da Xunta na provincia de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; e polo xefe de sección do Servizo de Arqueoloxía da Consellería, José Manuel Rey; entre outras autoridades.