Nova: A música de Emilio Rúa inaugura a nova programación do Salón Teatro

13/01/2015

A música de Emilio Rúa inaugura a nova programación do Salón Teatro

O cantautor ourensán presentará en directo os temas do seu disco ‘Destino Sur’, para o que contará con Carlos Blanco como mestre de cerimonias

O espazo compostelán acollerá ata xuño un total de 30 propostas escénicas e musicais, entre as que se atopan a estrea da nova produción do CDG, ‘Xardín suspenso’, e a presentación en Galicia da coprodución ‘Ganas de ouvear’

Un total de 12 destes espectáculos forman parte da oferta do Bono de Teatro Galego e Portugués 2015, promovido polo Concello de Santiago en colaboración coa Agadic

  • Emilio Rúa presentará en directo as composicións do seu quinto traballo discográfico, ‘Destino Sur’ Emilio Rúa presentará en directo as composicións do seu quinto traballo discográfico, ‘Destino Sur’

Santiago, 13 de xaneiro de 2015.- O concerto que o cantautor ourensán Emilio Rúa ofrecerá este xoves día 15, ás 21.00 horas, no Salón Teatro é a primeira das 30 propostas da nova carteleira que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria despregará ata finais de xuño neste espazo compostelán, sede do Centro Dramático Galego (CDG).

Na actuación deste xoves, Emilio Rúa presentará en directo as composicións do seu quinto traballo discográfico, ‘Destino Sur’, para o que contará cun convidado de excepción: o humorista Carlos Blanco, quen fará de mestre de cerimonias e mesmo interpretará xunto a Rúa algún dos temas máis coñecidos deste último. Ambos estarán arroupados por A Banda, os músicos que acompañan habitualmente ao cantautor.

Esta mesma semana chegará tamén á sede do CDG a compañía Teatro do Morcego co espectáculo ‘Diálogo do can co seu amo’, versión da obra do dramaturgo belga Jean Marie Piemme interpretada por Celso Parada e Mundo Villalustre, da que se ofrecerán tres funcións: o venres 16 e o sábado 17, ás 20.30 horas, e o domingo 20, ás 18.00.

Tanto as entradas para o concerto de Emilio Rúa como para a montaxe de Teatro do Morcego poden adquirirse de xeito anticipado a través do web entradas.abanca.com, así como nas billeteiras do Teatro Principal, de martes a sábado de 18.00 a 21.00 horas, e do Salón Teatro, desde dúas horas antes do comezo das actuacións.

Estreas do Centro Dramático Galego
Estas dúas propostas abren un calendario semestral de actuacións no que se insiren un total de 74 sesións de 30 espectáculos de teatro, danza, música e monólogos. Destaca nesta programación a estrea de ‘Xardín suspenso’, a nova produción do Centro Dramático Galego, con dirección escénica de Cándido Pazó a partir da obra do portugués Abel Neves. Este espectáculo, que será representado no Salón Teatro do 13 ao 29 de marzo, é o primeiro dos títulos do plan de actividade da compañía pública galega para a temporada 2014-15 que poderán verse na súa sede compostelá ata o vindeiro mes de xuño.

Dentro do apartado de coproducións e colaboracións, presentaranse en Santiago ‘Pangeia’ (do 15 ao 19 de abril), espectáculo de danza da compañía galega Teatro Limiar e a brasileira Acaso Danza en colaboración co CDG; ‘Ganas de Ouvear’ (do 23 ao 26 de abril), coprodución co Teatro Nacional de Cataluña e Catrocadeiras, e a primeira montaxe resultante do ‘Proxecto Nós Territoro (ES)Cénico Portugal-Galicia’ (do 17 ao 21 de xuño), no que a unidade de produción teatral da Xunta de Galicia participa xunto ao Teatro Nacional Dona María II de Lisboa, o Teatro Nacional São João do Porto e as escolas superiores de Arte Dramática (ESAD) de Galicia, de Teatro e Cinema (ESTC) de Lisboa e de Música, Artes e Espectáculo (ESMAE) do Porto.

Teatro galego e portugués
O teatro galego e portugués será, pois, o gran protagonista desta temporada no Salón Teatro, que recibirá tamén as formacións lusas Teatro Bruto con ‘O amor dos infelizes’ (22 de xaneiro), Companhia de Teatro de Braga con ‘Um Picasso’ (11 de febreiro), Companhia de Teatro de Almada con ‘O Mandarín’ (9 de abril) e Pele e Grupo de Teatro de Surdos do Porto con ‘Nós’ (8 e 9 de maio).

En canto ás producións galegas, ademais de Teatro do Morcego e das propostas promovidas directamente polo CDG, o espazo compostelán acollerá outras 18 montaxes. Así, Talía Teatro presentarase con catro dos seus espectáculos –‘Bicos con lingua’ do 26 e 27 de xaneiro en funcións escolares; ‘Pelos na lingua’, tamén en pases para centros educativos o 28 de xaneiro; e ‘Sopa de sapo’ e ‘Demolición’, ambos os dous do 14 ao 17 de maio–, mentres que Elefante Elegante chegará a Santiago con ‘Kassa’, que ofrecerá para o público xeral do 30 de xaneiro ao 1 de febreiro e para escolares, do 2 ao 4 de febreiro.

O Salón Teatro acollerá tamén ‘Amor flexible’ de Redrum Teatro (5 e 6 de xuño), así como 10 citas da XV Mostra de Teatro Universitario de Galicia (do 27 de abril ao 6 de maio) e ‘Só ante a Perigos’ polo Grupo de Teatro Down Compostela (12 e 13 de xuño).

Programación bonificada
A meirande parte destes títulos intégranse, á súa vez, na oferta do Bono de Teatro Galego e Portugués que manteñen o Concello de Santiago e a Axencia Galega das Industrias Culturais. O Salón Teatro, o Teatro Principal e a Zona C forman parte desta iniciativa, que posibilita obter 5 entradas para 5 espectáculos por un total de 35 euros.

A sede do Centro Dramático Galego será tamén o escenario doutras dúas citas musicais (a Gallaecia Big Band xunto a Las Brownies o 23 de xaneiro e Brais Morán o 29 de xaneiro), así como dos monólogos que protagonizará Xavier Varela o 5 e 6 de febreiro e para os que se contará tamén con música en directo.

Comparte