Nova: A Xunta e a Fegamp abordan o pago polo préstamo público de obras con dereitos de autor
14/01/2015
A Xunta e a Fegamp abordan o pago polo préstamo público de obras con dereitos de autor
A Consellería de Cultura e Educación coordínase co Ministerio de Educación e Cultura para asesorar as entidades locais titulares de establecementos que ofrecen este servizo
Santiago, 14 de xaneiro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) mantiveron hoxe un encontro para tratar a remuneración polo servizo de préstamo público de obras obxecto de propiedade intelectual.
O motivo da reunión entre o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o presidente da Fegamp, José Manuel Rey, foi intercambiar información para avanzar no asesoramento ás entidades locais titulares de centros que ofrecen este servizo, en relación coa aplicación da Lei de propiedade intelectual así como do Real decreto 624/2014 polo que se desenvolve o dereito de remuneración aos autores por préstamos das súas obras realizadas en determinados establecementos accesibles ao público.
O pasado mes de decembro, as entidades de xestión de dereitos de propiedade intelectual CEDRO, DAMA, SGAE e VEG enviáronlles unha carta ás corporacións locais titulares destes espazos para solicitar información sobre o número de exemplares adquiridos desde 2009 con destino ao préstamo, así comoo abono da remuneración pendente pola aplicación do mencionado marco normativo.
Proposta común de actuación
Ante esta situación, a Secretaría Xeral de Cultura remitiulles un escrito aos concellos galegos e ás bibliotecas no que se recomenda non iniciar ningunha actuación respecto do contido da carta enviada polas entidades de xestión dos dereitos de propiedade intelectual ata que se acorde unha proposta común de actuación.
O departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad está en contacto co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para asesorar as corporacións locais e establecer unha proposta común de actuación, de acordo coa lexislación vixente, para o cumprimento das obrigas de remuneración que afectan a establecementos de titularidade pública.
Marco normativo
A Lei de propiedade intelectual establece, desde o ano 2007, a obriga dos titulares dosmuseos, bibliotecas, fonotecas, filmotecas, hemerotecas ou arquivos de titularidade pública de remunerar os autores polos préstamos que realicen das súas obras na contía que se determine mediante Real decreto, a través das entidades de xestión dos dereitos de propiedade intelectual.
A lei recolle que, ata que se aprobe o Real decreto, a contía da remuneración será de 0,2 euros por cada exemplar de obra adquirido con destino ao préstamo. Quedan eximidos da obriga de remuneración os establecementos de titularidade pública que presten servizo en municipios de menos de 5.000 habitantes, así como as bibliotecas das institucións docentes integradas no sistema educativo español.
En agosto de 2014 publicouse o Real Decreto 624/2014, do 18 de xullo, polo que se desenvolve o dereito de remuneración aos autores polos préstamos das súas obras realizados en determinados establecementos accesibles ao público. Este marco normativo establece que a dita remuneración a deben realizar os titulares dos establecemento referidos.No que respecta ás bibliotecas públicas da Rede de Bibliotecas de Galicia cómpre indicar que a Biblioteca de Galicia, de titularidade autonómica da Xunta de Galicia, non xera o dereito de remuneración por préstamo, xa que a consulta in situ de calquera tipo de obra na propia biblioteca está fóra do pago do canon.
No que respecta ás bibliotecas centrais territoriais da Coruña, Lugo, Vigo, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela, xestionadas pola Consellería, ao seren de titularidade estatal, o pagamento correspóndelle á Administración do Estado. No caso das bibliotecas públicas municipais, correspóndelles aos respectivos concellos a remuneración por préstamo. As bibliotecas e axencias de lectura de concellos de menos de 5.000 habitantes están exentas do pagamento do canon.