Nova: Ciclo no CGAI sobre cine e xornalismo
14/01/2015
Ciclo no CGAI sobre cine e xornalismo
O documental Messi, dirixido por Álex de la Iglesia con guión de Jorge Valdano, estréase nunha sesión especial que será presentada polo ex-futbolista Javier Manjarín
Baixo o título O latexo do mundo, ofreceranse ata o 12 de febreiro outras cinco obras: ’20.000 días en la Tierra’, ‘Maidan’, ‘Sylvered Water-Syria Self-portrait’, ‘La Comuna’ e ‘ReMine, el último movimiento obrero’
A Coruña, 14 de xaneiro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa Asociación da Prensa da Coruña na organización no CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe) do ciclo de proxeccións O latexo do mundo, co que o colectivo xornalístico conmemora o seu 110º aniversario e que se abrirá mañá coa estrea na Coruña do documental ‘Messi’, de Álex de la Iglesia.
A relación entre cine e xornalismo a través de obras que foxen dos títulos tópicos asociados a ambas disciplinas é o denominador común desta nova serie, que hoxe foi presentada polo director do CGAI-Filmoteca de Galicia, Guillermo Escrigas, e polo presidente da Asociación da Prensa da Coruña, Manuel González, como un proxecto conxunto que lle propón á cidadanía un achegamento a cuestións de actualidade mediante as fitas seleccionadas polo CGAI en pases combinados con coloquios posteriores.
A estrea do documental dirixido en 2014 por Álex de la Iglesia sobre o astro do fútbol Leo Messi abrirá mañá xoves ás 20:30 horas ‘O latexo do mundo’, nunha sesión especial que será introducida polo ex-xogador Javier Manjarín. En ‘Messi’, con guión de Jorge Valdano, de la Iglesia mestura recreacións, filmacións familiares, material de arquivo e entrevistas tanto a lendas deportivas como a persoas da contorna do xa mítico futbolista arxentino que desde hai anos trunfa no Barça. Desfilan así polo filme Iniesta, Maradona ou Menotti.
O ciclo prolongarase ata o 12 febreiro con outras cinco películas de formatos, procedencias e temáticas diversas, desde o deporte ou a música ata os conflitos políticos locais e internacionais.
Achega a Nick Cave
A seguinte proxección, que contará coa presentación do xornalista Fernando Molezún, será a de ’20.000 días en la Tierra’, programada para o xoves 22 de xaneiro ás 20:30 horas. Neste filme, Iain Forsythe e Jane Pollard abordan a figura do inquieto músico australiano Nick Cave nunha combinación de realidade e ficción construída a partir do seguimento de 24 horas da súa vida.
A película española premiada en Sevilla ReMine, el último movimiento obrero amosará o 29 de xaneiro as mudanzas e complexidades nas loitas políticas históricas, cun caso vinculado á minería asturiana como estandarte. A proxección contará coa participación do seu director, Marcos M. Merino.
Ucrania e Siria son focos da atención mundial e así aparece expresado noutros dous títulos escollidos: Maidan, de Sergei Loznitsa, que poderá verse o 5 de febreiro, e Silvered Water-Syria Self-portrait, de Wiam Berdixan e Ossama Mohammed, que ocupará a sala do CGAI o 12 de febreiro.
O ciclo complétase cunha loita de loitas, a da Comuna de París, exemplarmente descrita en La Comuna de Peter Watkins, cineasta obsesionado, entre outras cousas, cos medios de comunicación, unha circunstancia que facilita algúns dos momentos máis sorprendentes deste título acabado de editar en formato DVD. A prolongada metraxe da película fará que esta se exhiba o venres 6 de febreiro dividida en dúas partes, a primeira ás 17:30 e a segunda ás 20:30 horas.