Nova: A Xunta avanza unha ampla programación para celebrar a figura de Laxeiro co gallo do Día das Artes Galegas 2022

27/06/2021

A Xunta avanza unha ampla programación para celebrar a figura de Laxeiro co gallo do Día das Artes Galegas 2022

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, felicita á Real Academia Galega de Belas Artes pola elección do pintor lalinense de cuxo pasamento se cumpren 25 anos o vindeiro mes de xullo

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2021.- O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, avanzou hoxe que a Xunta de Galicia impulsará unha ampla programación para celebrar a figura do pintor José Otero Abeledo, máis coñecido como Laxeiro (Lalín, 1908 - Vigo, 1996) logo de que a Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) anunciase a súa elección como homenaxeado no Día das Artes Galegas 2022, que se celebra cada 1 de abril.

Nunha entrevista na Radio Galega, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade felicitou aos académicos pola elección de Laxeiro, que se suma así a outros autores que protagonizaron esta celebración desde a súa institución pola propia RAGBA en 2015: o Mestre Mateo, Castelao, Maruxa Mallo, Alejandro de la Sota, Luís Seoane e Domingo de Andrade.

“Felicitamos á Real Academia Galega de Belas Artes polo seu acerto na elección de Laxeiro -de cuxo pasamento se cumpren 25 anos o vindeiro 21 de xullo- e estamos xa pensando na programación que artellaremos ao redor da súa persoa”, afirmou Anxo M. Lorenzo. Ao respecto, avanzou que a Xunta estará xunto á RAGBA, como entidade propoñente, ademais da Fundación Laxeiro por ser a entidade funcional que arroupa e difunde o seu legado e cos concellos que teñen unha maior implicación na súa vida, principalmente o Concello de Lalín.

Reactivación da cultura no verán

Anxo M. Lorenzo referiuse á importancia de seguir impulsando a cultura galega na saída da pandemia, para o que a Xunta impulsa este verán máis de 3.000 actividades cun investimento de 9M€. Ao respecto, lembrou as dúas últimas iniciativas presentadas esta semana: Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio, que levará a danza contemporánea cunha trintena de formacións artísticas a escenarios de gran valor como o peirao de Rinlo, o Castelo de Monterrei, Cabo Fisterra ou o Pazo de Oca; e O País das Bandas, cun centenar de concertos a cargo da Federación Galega de Bandas de Música, para promover a tradición musical coa implicación das xeracións máis novas.

 

Comparte