Nova: Homenaxe á achega científica e o compromiso galeguista de Isidro Parga Pondal
15/01/2015
Homenaxe á achega científica e o compromiso galeguista de Isidro Parga Pondal
Organizada pola Universidade de Santiago e o Foro Peinador con motivo da celebración do Día da Galeguidade Empresarial
Santiago, 15 de xaneiro de 2015.- AUniversidade de Santiago en colaboración co Foro Peinador rendeulle hoxe unha homenaxe a Isidro Parga Pondal, co gallo da celebración do Día da Galeguidade Empresarial, na que participou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad.
Na súa intervención, o conselleiro subliñou a figura de Parga Pondal e a súa traxectoria, sobre todo como científico e como galeguista, xa que –dixo– “sabía que o progreso económico da nosa comunidade tiña que ir da man da nosa lingua e da nosa cultura”. Vázquez Abad recalcou que o acto de hoxe é “un tributo de gratitude a quen soubo levar os valores importantes de Galicia, empezando polo idioma, á docencia universitaria e ao eido da empresa”.
Finalmente Xesús Vázquez Abad subliñou que “se Parga Pondal conseguiu integrar Galicia na modernidade científica e empresarial europea de hai oitenta anos, hoxe temos moito máis doado levar o seu espírito aos homes e mulleres que procuran un auténtico benestar colectivo”.
O Día da Galeguidade Empresarial consistiu no descubrimento dun busto do mencionado persoeiro, na Facultade de Químicas. Posteriormente nesta mesma facultade tivo lugar unha sesión académica dirixida a empresarios co obxectivo de lembrar a figura do homenaxeado. No acto estiveron presentes, entre outras autoridades, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño Rey; o reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luis Armesto Barbeito; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela García; o Presidente do Foro Peinador, Xosé González Martínez; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Isidro Parga Pondal, que naceu en Laxe, formouse na Universidade de Santiago no primeiro terzo do século XX e completou os seus coñecementos noutras universidades Europeas. Destacado científico, galeguista e empresario, a súa traxectoria profesional céntrase sobre todo na aplicación da ciencia á industria mineira de Galicia e, neste ámbito, cómpre salientar a súa participación no Seminario de Estudos Galegos, así como a creación na súa localidade natal do Instituto Xeolóxico de Laxe, un centro de investigación de referencia en Europa.