Nova: Cinema infantil no Museo de Pontevedra
22/01/2015
Cinema infantil no Museo de Pontevedra
Ofrece unha escolma de catro filmes realizada polo CGAI co obxectivo de atender diferentes épocas e culturas
O programa, que se desenvolverá no Salón de Actos de Sexto Edificio do Museo ata o mes de abril, dá comezo este sábado coa proxección da película de animación dos estudios Pixar ‘WALL-E’
A selección inclúe a produción xaponesa ‘Mi vecino Totoro’, de Hayao Miyazaki; a francesa ‘Kiriku y las bestias salvajes’, de Michel Ocelot e Bénédicte Galup; e o clásico ‘El Mago de Oz’, de Victor Fleming
Pontevedra, 22 de xaneiro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Deputación Provincial de Pontevedra colaboran para impulsar o achegamento dos espectadores máis novos ao cinema en pantalla grande a través da organización dunha nova edición do Ciclo de Cine Infantil no Museo de Pontevedra. O programa, que dará comezo este sábado coa proxección ás 17.00 horas de ‘WALL-E’, filme de animación dos estudios Pixar, consta dun total de catro títulos, seleccionados polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) para varias franxas de idade e atendendo diferentes épocas e culturas.
Así, ademais da devandita película do realizador Andrew Stanton, gañadora en 2008 do Oscar e do Globo de Ouro á mellor fita de animación, proxectaranse a produción xaponesa ‘Mi vecino Totoro’, de Hayao Miyazaki (21 de febreiro); a francesa ‘Kiriku y las bestias salvajes’, de Michel Ocelot e Bénédicte Galup (21 de marzo); e o clásico ‘El Mago de Oz’, de Victor Fleming (18 de abril).
O programa foi presentado hoxe no Pazo Provincial de Pontevedra por Ana Isabel Vázquez, deputada provincial de Cultura, quen estivo acompañada por Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e por Guillermo Escrigas, director do CGAI, en representación da Consellería de Cultura e Educación.
Actividade descentralizada
En palabras do responsable da Agadic, esta colaboración busca tanto ampliar a oferta lúdica para o público familiar, como incidir na formación audiovisual dos espectadores do futuro. Así mesmo, sinalou que a través deste ciclo o Centro Galego das Artes da Imaxe “dá un paso máis na política de descentralización da súa actividade”, obxectivo no que se ten avanzado no último ano cunha extensión da súa programación en Ourense, así como con outras accións de difusión audiovisual levadas a cabo con diferentes entidades locais.
Jacobo Sutil subliñou que iniciativas como esta constitúen, ademais, un xeito de multiplicar a funcionalidade dos recintos culturais, neste caso das novas instalacións do Museo de Pontevedra, tendo en conta o cinema. “Agradecémoslle, por iso, aos responsables do Museo a súa complicidade ao se sumar á posta á disposición da cidadanía do cinema en pantalla grande, o formato por excelencia para o que foron concibidas as producións que se amosarán”, sinalou. As catro foron xa testadas polo CGAI na súa sala da Coruña para as diferentes idades recomendadas.
Referentes cinematográficos
No caso de ‘WALL-E. Batallón de limpieza’, pensada para nenos e nenas a partir dos 5 ou 6 anos de idade, o uso limitado dos diálogos dá lugar ao emprego do son e dos recursos cinematográficos no seu estado máis puro para recrear emocións e presentar uns personaxes-máquinas cheos de tenrura. Así, a historia futurista do pequeno robot da liña WALL-E, deseñada para limpar o lixo que cubre a Terra despois de que esta fose devastada e abandonada polos humanos, ten claros referentes a obras de Charles Chaplin e Buster Keaton, así como a clásicos da ciencia ficción como ‘2001: Unha odisea do espazo’.
A segunda fita do ciclo, ‘Mi vecino Totoro’, é a terceira produción do gran mestre xaponés Hayao Miyazaki para o famoso estudio de animación Ghibli. Estreada en Xapón en 1988, axiña se converteu nun fenómeno internacional que a crítica cualificou de obra mestra e na que se atopan xa varios dos temas recorrentes da obra de Miyazaki. De feito, é habitual atopar as aventuras das irmás Mei e Satsuki xunto aos espíritos gardiáns do bosque (totoros) e o Gatobús encabezando as listaxes dos mellores filmes de animación.
‘Mi vecino Totoro’ está recomendada para espectadores a partir dos 4 anos de idade, ao igual que ‘Kirikú y las bestias salvajes’, produción francesa de 2005 e segunda entrega protagonizada por Kirikú, unha especie de garavanciño nunha aldea de África. Con música de Manu Dibango e Toussou N’Dour, a súa historia nárrase como os tradicionais contos africanos de transmisión oral, que empregan antigas e moi sinxelas fábulas para nos falar dos grandes valores universais.
“A mellor película familiar de todos os tempos”
Xunto con estas tres películas de animación, seleccionouse para pechar esta edición do ciclo o clásico de 1939 ‘El mago de Oz’. Esta produción de Hollywood, con Judy Garland no papel de Dorothy, é un dos grandes musicais da historia do cinema, con cancións que xa forman parte do noso imaxinario colectivo, como ‘Over de rainbow’, ademais de ser recoñecida polo Instituto Cinematográfico Americano como “a mellor película familiar de todos os tempos”. Neste caso a recomendación de idade é a partir dos 6 ou 7 anos.
As catro sesións do Ciclo de Cine Infantil no Museo terán lugar ás 17.00 horas no salón de actos do Sexto Edificio. De entrada gratuíta, os convites para cada pase estarán a disposición dos espectadores na recepción deste espazo durante a semana na que teñen lugar as proxeccións.
Restauración do ‘Noticiario Folk 1932’
Na presentación deste programa, o director da Agadic aproveitou para destacar tamén o “labor rigoroso e continuo” que realiza o CGAI durante todo o ano no relativo á recuperación e conservación das obras da historia do audiovisual galego. Así, Sutil referiuse á recente restauración da fita muda ‘Noticiario Folk 1932’, asinada polo fotógrafo, cineasta e xornalista Ramón Barreiro, nacido en Valladolid, pero estreitamente vinculado a Pontevedra pola súa formación e pola súa obra: “A peza, que inclúe a filmación de once acontecementos de actualidade, deportivos e mesmo escenas costumistas da época, poderá ser axiña contemplada de novo por todos os pontevedreses e por todos os galegos grazas á actuación do CGAI”, anunciou.