Nova: Galicia é pioneira na introdución dos lectores electrónicos nas bibliotecas escolares
24/01/2015
Galicia é pioneira na introdución dos lectores electrónicos nas bibliotecas escolares
Chegan xa a 4.700 alumnas e alumnos a través do proxecto E-LBE e o 83% dos equipos de bibliotecas escolares ven moi positiva o uso que as rapazas e rapaces fan destas ferramentas
A consideración do profesorado é altamente positiva no referido á contribución destes dispositivos ao fomento da lectura e á adquisición tanto da competencia informacional como doutras competencias básicas
Santiago, 24 de xaneiro de 2015.- O proxecto E-LBE (E-Lectores nas bibliotecas escolares) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten facilitado xa o acceso de 4.700 alumnas e alumnos a lectores electrónicos, cunha valoración altamente positiva por parte do profesorado no que atinxe á contribución destes dispositivos ao fomento da lectura e á adquisición tanto da competencia informacional como doutras competencias básicas, entre outros aspectos. Así se desprende dos datos recollidos no cuestionario pasado – con valoración de 1 a 5 puntos- aos 115 centros educativos que participan nesta iniciativa, e co que fai balance do seu desenvolvemento no período 2012-2014.
Cómpre lembrar que este proxecto levou, por primeira vez a iniciativa da administración educativa, este tipo de ferramentas aos centros de ensino, no marco do Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares (Lectura, Información, Aprendizaxe), sendo un proxecto pioneiro na introdución destes dispositivos nas bibliotecas escolares. O obxectivo é apoialos diante das transformación que se están a producir na forma de presentar os textos, en boa medida relacionadas coas novas tecnoloxías.
Participación da comunidade educativa
No que atinxe á participación da comunidade educativa no desenvolvemento do proxecto, aproximadamente 2.500 estudantes levaron os lectores electrónicos en préstamos ás súas casas. Así mesmo, outras 250 persoas das súas familias fixeron uso destes dispositivos.
Neste sentido a valoración dos equipos das bibliotecas escolares sobre o uso por parte do alumnado é moi positiva, cun 83% do profesorado que manifesta un alto grao de satisfacción. Así mesmo case o 70% do persoal das bibliotecas amosouse moi satisfeito coa receptividade que atoparon na comunidade educativa en relación coas súas propostas de lectura dixital.
Contribucións dos e-lectores
Os equipos das bibliotecas escolares consideraron tamén no cuestionario a contribución dos e-lectores á adquisición de hábitos de lectura e de competencias clave como as habilidades no uso e produción de información, entre outras. Neste sentido o 77% deste persoal dá unha puntuación de 4 ou 5 puntos á contribución destes dispositivos ao fomento da lectura entre o alumnado; e un 61% venos como ferramentas útiles para avanzar na formación de usuarias e usuarios de bibliotecas, facilitando que o alumnado coñeza as fontes informativas e aprenda a localizalas e utilizalas, así como a moverse con fluidez entre os recursos ofrecidos.
No referido á adquisición de habilidades no uso e produción de información – competencia informacional-, unha das competencias clave para o alumnado do século XXI, o 57% dos consultados respondeu cunha puntuación de 4 ou 5 ao papel dos lectores electrónicos nesta tarefa.
Así mesmo os dispositivos foron considerados moi útiles polo 59% dos enquisados na súa contribución á adquisición de competencias básicas por parte dos estudantes, tales como a dixital, tratamento da información, lectora, matemática, lingüística… entre outras sinaladas polo propio profesorado no cuestionario.
Adaptación e usos
Outro dos eidos analizados na enquisa foi a adaptación destas ferramentas de lectura ao alumnado e ás súas necesidades, na que o 72% dos equipos de bibliotecas deron unha valoración positiva.
Unha vez incorporados ao centro educativo, o uso dos dispositivos repartiuse, case de forma igualitaria entre a lectura libre ou dirixida nas aulas, na biblioteca escolar, o uso polo profesorado nas aulas ou o préstamo, tanto ao alumnado como ao profesorado e aos clubs de lectura do propio centro.
A Consellería dotou de lectores a 115 centros educativos - ben de forma directa, ben cunha achega económica para mercalos- co fin de facilitar o acceso do alumnado a novas prácticas lectoras, coa orientación do profesorado e nun contexto favorable á lectura, unha experiencia que permite tamén explorar as distintas posibilidades de uso desta ferramenta dentro do contexto escolar. Para garantir a compoñente didáctica do proxecto optouse por lectores de tinta electrónica, dadas as súas características: pensados só para a lectura, pouco agresivos á vista e cunha batería de longa duración.
O texto completo do informe sobre o Proxecto E-LBE 2012-2014 está accesible no enderezo http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=node/747