Nova: Galleira Passport, un libro para viaxar polo mundo

23/01/2015

Galleira Passport, un libro para viaxar polo mundo

O xornalista Luís Menéndez relata nesta obra as súas experiencias por máis de 20 países

  • Galleira Passport, un libro para viaxar polo mundo Galleira Passport, un libro para viaxar polo mundo

Vigo, 23 de xaneiro de 2015.- O escritor e xornalista Luís Menéndez fixo esta tarde un percorrido polas viaxes que centran o seu novo libro, Galleira Passport. Crónicas viaxeiras do século XXI, no marco da conferencia-coloquio que ofreceu no Club Faro, no Auditorio do Areal de Vigo. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, foi o encargado de presentar o presidente da Asociación de Xornalistas de Santiago, do que destacou a súa frutífera traxectoria profesional nas últimas décadas, así como a súa condición de “viaxeiro impenitente” e o seu “fondo coñecemento de Galicia, da súa xeografía, da súa historia e cultura, das súas tradicións e das súas xentes.”

En referencia á obra, Anxo Lorenzo incidiu na súa clara vontade de estilo literario, así como na súa construción a partir de lugares, xentes, situacións, anécdotas e feitos. O secretario xeral pechou a súa intervención cunha cita de Manuel Rivas, quen escribe no limiar da obra que “Galicia ten xa unha arca para navegar polo mundo en xeito de libro. Unha arca, como as primeiras naves oceánicas, feita de vimbio entrelazado: o mellor xornalismo como póla da mellor literatura”. 

Publicada por Alvarellos Editora en 2014, Galleira Passport. Crónicas viaxeiras do século XXI é a terceira obra de Luís Menéndez (Ourense, 1959), despois de Toda a terra é dos homes. Galegos no Mundo (1993) e Vida e viaxes na galeguidade (1997). O libro, resultado das viaxes do xornalista por 26 países de todo o mundo, artéllase a partir de tres travesías, lusas, celtas e orientais, que inclúen destinos como Brasil, Cabo Verde, Escocia, Irlanda, Estonia, Chipre, Polonia e Eslovenia.

 

Comparte