Nova: A Xunta conmemorará en 2022 o centenario de María Casares cunha programación diversificada que incluirá propostas escénicas e expositivas

09/09/2021

A Xunta conmemorará en 2022 o centenario de María Casares cunha programación diversificada que incluirá propostas escénicas e expositivas

O Goberno autonómico traballa no deseño das actividades en colaboración co sector, así como diferentes entidades e institucións tanto de Galicia como doutros territorios

O obxectivo é crear proxectos teatrais, audiovisuais e expositivos, así como propostas do eido editorial para favorecer a visibilidade internacional da artista coruñesa

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, asiste hoxe á gala dos premios que levan o nome da artista que se entregan na Coruña

 

A Coruña, 9 de setembro de 2021.- A Xunta de Galicia conmemorará o vindeiro ano o centenario do nacemento de María Casares cunha programación diversificada e plural que incluirá proxectos vinculados á escena, ao audiovisual, á arte, así como do eido editorial.

Entre os obxectivos estará o de crear un proxecto ligado a teatro, da man do Centro Dramático Galego (CDG), coa colaboración de diferentes institucións, tanto de Galicia como doutros territorios, para favorecer a visibilidade internacional da artista coruñesa. Con esta programación o Goberno autonómico quere promover o traballo de María Casares tanto dentro como fóra da Comunidade, e afondar no seu legado.

Enmárcase no compromiso por seguir poñendo en valor esta artista, que dá nome aos premios da escena galega que se entregan hoxe na Coruña e aos que asiste o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil e do director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez. Os galardóns, que retoman o formato presencial despois de que en 2020 foran suspendidos por mor da pandemia, contan co apoio da Xunta.

Artista coruñesa

Nada na Coruña en 1922, María Casares foi unha actriz de teatro e cinema que triunfou no seu exilio en Francia onde residiu. Protagonizou varias obras escritas por Camus e representou obras de Sartre, Jean Anouilh, Jean Cocteau, Genet e Claudel, chegando a converterse en musa do existencialismo francés. En 1996, María Casares aceptou que os premios de teatro de Galicia levasen o seu nome, mais faleceu antes de que puidese celebrarse a primeira edición.

Comparte