Nova: A Xunta executou máis de 750 actuacións de mellora do patrimonio cultural no último lustro

29/09/2021

A Xunta executou máis de 750 actuacións de mellora do patrimonio cultural no último lustro

Puxéronse en marcha obras de conservación en máis de 170 concellos de toda Galicia con máis de 230 intervencións en igrexas, case 400 en municipios do Camiño, 200 en xacementos arqueolóxicos e 120 en catedrais e bens Patrimonio da Humanidade

“Continuamos intensificando os nosos esforzos para poñer en valor o patrimonio incrementando nun 19% a partida deste ano destinada á rehabilitación”, detallou

O compromiso da Administración autonómica co patrimonio galego tamén permitiu declarar máis de 70 Bens de Interese Cultural desde o ano 2016

Actualmente estanse levando a cabo preto de 90 traballos en toda a Comunidade grazas a un investimento de case 17M€

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2021.- A Xunta de Galicia executou no último lustro máis de 750 actuacións para garantir o futuro dos bens patrimoniais da Comunidade. Así o explicou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, no Parlamento de Galicia, onde afondou nas principais liñas de traballo do Goberno galego no eido da protección e posta en valor cultural.

Neste senso, o responsable autonómico de Cultura explicou que a Xunta é unha das principais administracións comprometidas co patrimonio cultural, o que se traduce nunha “política decidida a favor da salvagarda deste activo”. Tanto é así que, tal e como explicou, este ano se intensificaron os esforzos incrementando un 19% a partida destinada a este fin. “Este aumento no orzamento estanos permitindo ampliar o traballo que vimos realizando desde o Goberno galego nos últimos anos e nestes momentos vimos de rematar ou temos en marcha 90 actuacións cun investimento de case 17 millóns de euros”, engadiu.

Grandes fitos

A estes traballos cómpre engadir os executados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural desde o ano 2015, que se suman as accións realizadas por outros departamentos da Xunta de Galicia e que supuxeron un avance no obxectivo estratéxico de blindar a conservación do patrimonio facendo que algúns dos inmobles máis representativos do país sexan legados ás futuras xeracións nas mellores condicións. Así, Román Rodríguez explicou que no último lustro actuouse en preto de 170 concellos de toda Galicia cun investimento de case 50M€ “cumprindo grandes fitos como a reinauguración da Catedral de Santiago 800 anos despois da súa construción”.

Concretamente, segundo o balance feito polo conselleiro de Cultura, nos últimos anos leváronse a cabo máis de 230 actuacións de mellora en igrexas, capelas, conventos, ermidas e mosteiros. Tamén se impulsaron case 400 intervencións en concellos do Camiño de Santiago de cara á celebración do Xacobeo.

Os traballos impulsados pola Administración autonómica tamén beneficiaron á posta en valor do noso pasado con case 200 iniciativas en xacementos arqueolóxicos como campamentos romanos, castros ou petróglifos e preto de 80 obras en pontes e bens da arquitectura defensiva de Galicia como castelos, torres ou fortalezas. Destaca neste punto o importante compromiso coa investigación e posta en valor de campamentos romanos como a Ciadella (Sobrado) ou Proendos (Sober), nos que xa se levaron a cabo case 40 iniciativas e se segue actuando co fin de afondar e dar a coñecer o noso pasado romano.

Román Rodríguez tamén aproveitou a súa intervención no Pleno para poñer en valor a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, un texto que garante a protección do noso patrimonio e cuxa aplicación permitiu declarar máis de 70 Bens de Interese Cultural desde o ano 2016. “O actual marco facilitou os avances no eido da protección do noso patrimonio”, afirmou. Trátase dun avance que, tal e como sinalou, veríase afectado polo anteproxecto de Lei de Patrimonio Histórico do Ministerio de Cultura. “Pedímoslle ao Goberno central que recapacite porque invade as nosas competencias e incrementa os trámites burocráticos dificultando a xestión e empeorando a atención á cidadanía”, reclamou.

Comparte