Nova: Anxo M. Lorenzo salienta a capacidade do Festival Kerouac para promover durante máis dunha década a poesía como modo de expresión contemporánea
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
05/10/2021
Anxo M. Lorenzo salienta a capacidade do Festival Kerouac para promover durante máis dunha década a poesía como modo de expresión contemporánea
O secretario xeral de Cultura participa na presentación desta cita que un ano máis se celebrará entre o venres e o domingo en Vigo co apoio da Xunta
Recorda que se trata dunha das máis de 2.500 iniciativas coas que o Goberno autonómico colabora para encher Galicia de programación cultural este outono
Vigo, 5 de outubro de 2021.- O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da nova edición do Festival Kerouac onde destacou o seu traballo de máis dunha década por promover a poesía como modo de expresión contemporánea. Como dixo, o festival, que conta un ano máis co apoio da Xunta de Galicia, ten unha “destacada traxectoria na divulgación da literatura e o intercambio cultural con diferentes países contribuíndo á internacionalización da cultura galega”, expresou.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade agradeceu á organización a súa aposta por dar continuidade a este encontro “que se converteu xa nun clásico da oferta cultural do outono en Vigo e que se enmarca nas máis de 2.500 actividades culturais que apoiamos desde a Xunta ata finais de ano”, dixo. Salientou, ademais, o seu carácter multicultural, a súa proposta plurilingüe e a súa proxección internacional “que o converten nun evento perfecto para ser gozado por peregrinos que veñan de distintas partes do mundo a Santiago polo Camiño Portugués pola Costa”, engadiu.
A 11 edición do Festival Kerouac dará comezo o venres 8 de outubro ás 19,00 horas no Museo Marco. Ese día, a cabeza de cartel é Laura Sam, poeta e activista cultural, que mestura poesía oral e música indie. A representación americana chega desde a Universidade de Vermont, coa participación da recoñecida poeta e performer dixital Tina Escaja, tamén coñecida como Alma Pérez. As súas accións investigan nas novas tecnoloxías desde o corpo poético e a acción poética contemporánea. Robots que escriben poesía, versos escritos a través de algoritmos. Ese día tamén actuará a poeta Oriana Méndez.
Música a bordo
O programa continuará o sábado ás 12,30 horas na Taberna do Náutico a cargo de Le Voyeur, Ronroneo, Iván Vergara e Montse Villar. O músico e produtor vigués afincado en Madrid, Miguel Marcos, é tamén coñecido como Le Voyeur. Despois de 10 anos compoñendo regresa á súa cidade para presentar Muerde aquel Verso, que recolle as cancións deses 10 anos, e que presentará en directo con guitarra e voz. Ese día tamén será a quenda da actuación, por primeira vez en Vigo, de Ronroneo, o proxecto musical de Jacobo Varela, que chega desde Compostela cunha proposta de voz sobre instrumentais jazzisticas.
A conexión con México do Festival Kerouac este ano virá na voz do poeta e performer, Iván Vergara, eixo e motor da Plataforma Placa, colectivo e editorial de autores de España e México, que leva tamén anos traballando para unir poeticamente os dous continentes con actividades literarias de todo tipo. Finalmente, desde Salamanca, a poeta Montse Villar, que presentará poemas do seu último libro. Profesora e tradutora, especialmente do portugués, participou en numerosos festivais por toda a Península, entre os que destacamos o festival eco poético Voces do Extremo.
O domingo 10 de outubro en travesía en barco ás Illas Cíes actuarán Graciela Baquero Ruibal e o colectivo de mulleres poetas do proxecto Desafiando Sombras. Xunto a estas actuacións, o festival incluirá un ano mais iniciativas como o Poemovil, un automóbil que vai percorrendo a cidade lanzando poesía desde os seus altofalantes.