Nova: A Xunta de Galicia convoca as axudas de produción musical para cofinanciar 20 novos traballos
10/10/2021
A Xunta de Galicia convoca as axudas de produción musical para cofinanciar 20 novos traballos
Destina 120.000 euros a apoiar proxectos tanto para o lanzamento de novos artistas como para aqueles que xa teñan debutado no mercado
Xa se beneficiaron desta liña de axudas traballos de Caamaño&Ameixeiras, Grande Amore, Xoel López, Ortiga ou Santi Araújo, entre outros
Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2021.- A Xunta de Galicia acaba de abrir o prazo de presentación de proxectos para a súa convocatoria anual de subvencións á produción fonográfica, dotada con 120.000 euros para impulsar a edición de ata 20 proxectos de edición musical. O seu obxectivo é favorecer tanto o lanzamento como a consolidación de carreiras musicais, de xeito que se impulse a profesionalización do sector, a normalización no uso da lingua galega e o enriquecemento cultural a través da música.
Con tal fin e segundo se recolle nas bases publicadas no Diario Oficial de Galicia, cofinanciaranse proxectos de deseño, preprodución, produción, edición e promoción de produtos fonográficos (fonogramas e videoclips) que conteñan maioritariamente obras de artistas galegos ou que estean interpretadas por músicos galegos, realizadas por parte de empresas con actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.
Reforzo do programa de subvencións
A Axencia Galega das Industrias Culturais encárgase da xestión desta convocatoria, coa que completa o seu amplo programa anual de subvencións, dotado con 10,47 millóns de euros para 15 liñas de apoio aos sectores da música, o audiovisual e as artes escénicas. Esta vía de investimento directo nas industrias culturais galegas viuse reforzada este ano ao abeiro do Plan de reactivación cultural, así como coa primeira convocatoria do novo Hub Audiovisual, posto en marcha pola Xunta co financiamento do fondo europeo FEDER dentro do Eixo REACT-UE.
O sector da música é o destinatario de 2,86 millóns de euros a través do devandito programa de subvencións da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, para o que este ano incorporou dúas novas liñas para paliar o impacto económico da crise sanitaria nas promotoras e nas salas privadas de música ao vivo, xunto coas habituais convocatorias para festivais, distribución de espectáculos, programación no seo de Cultura no Camiño e a devandita convocatoria para produción fonográfica.
Prazo ata o 8 de novembro
Neste último caso, poden ser solicitantes as empresas de produción fonográfica con actividade en Galicia que presenten proxectos de artistas que non teñan editado un primeiro álbum ou 10 singles/vídeosingles (modalidade A) ou daqueles que xa conten con este tipo de produtos no mercado, neste caso establecendo como límite catro álbums ou 40 singles/videosingles (modalidade B). O prazo estará aberto ata o vindeiro 8 de novembro a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
Na resolución do pasado ano, obtiveron subvención por medio desta iniciativa os debuts discográficos de Caamaño & Ameixeiras, Grande Amore, Vera Fauna, Supermeiga, Naraty Feel, Espazo en Branco e mais os proxectos en solitario de Fernando Abreu e Fernando Esclusa. Apoiáronse tamén os últimos traballos de MounQup, Xoel López, Pauliña, Marcelo Dobode , Cuarteto Caramuxo, Ortiga, Santi Araújo, The Skarnivals e a pianista Andrea González Pérez, así como o DVD de despedida de NAO.