Nova: Mesa redonda de creadores para celebrar o Día da Ilustración

30/01/2015

Mesa redonda de creadores para celebrar o Día da Ilustración

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración participou na mesa redonda As mil caras da ilustración, na Biblioteca González Garcés da Coruña

Para conmemorar esta data, Cultura programa diversas actividades nas bibliotecas centrais das cidades galegas, varias delas en colaboración coa AGPI
 

  • Cartel do Día da Ilustración 2015 Cartel do Día da Ilustración 2015

A Coruña, 30 de xaneiro de 2015.- ‘As mil caras da ilustración: novos campos e soportes para o traballo ilustrado’ é o título da mesa redonda coa que a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) e Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebraron esta tarde o Día da Ilustración na Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña.

A presidenta da asociación, Marina Seoane, xunto con Alberto Guitián e Miguel Ruiz ‘Sekone’ foron os encargados de achegarlle ao público asistente as novas posibilidades e soportes da súa profesión. Fixérono acompañados polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen puxo en valor “o labor de todos os profesionais que se dedican en Galicia a esta vizosa actividade de creación”.

Un valor engadido
“Hoxe podemos dicir que a ilustración galega conta cun lugar destacado no mundo contemporáneo”, afirmou o secretario xeral. “Por iso –engadiu–, resulta xusto recoñecer o papel fundamental da ilustración e o xeito en que as e os profesionais desta arte lle imprimen co seu talento e creatividade un valor engadido ao produto final”. Na presentación do faladoiro tamén recordou que a ilustración galega conta cun referente profesional colectivo de seu a través da AGPI, “entidade na que os artistas deste ramo se unen para superar os retos, de cara a mellorar a visibilidade, a competitividade e a xestión conxunta”.

Ao abeiro dun convenio, a Secretaría Xeral de Cultura vén colaborando coa AGPI na actividade desenvolvida pola asociación, entre a que se inclúe o ‘Caderno AGPI 2015’ que acaba de editar e que foi presentado esta tarde ao inicio do faladoiro. A publicación, na que participan artistas como Almudena Aparicio, David Pintor, Anxo Fariña, Manel Cráneo, Emma Ríos, Noemí López, Óscar Villán e Santy Gutiérrez, ten como obxectivos amosar unha colección de bosquexos realizados por socios e socias da AGPI, así como convidar a debuxar e a encher os seus espazos en branco cos bosquexos e apuntamentos de cada un.

Co apoio de Cultura e Educación, a AGPI tamén celebrou o pasado mes de outubro o XI Encontro Galego de Ilustración, que tivo lugar en Santiago de Compostela. Ao longo da xornada ofrecéronse charlas de profesionais de referencia no sector, como Luís M. Abián, centrado nos cómics dixitais; Ajubel, que disertou sobre a forma de traballar para medios dixitais, e Nati Rodríguez, que ofreceu a súa perspectiva sobre o futuro da profesión.

Celebracións nas bibliotecas
O departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad incorporou en 2014 o Día da Ilustración ao Calendario do Libro e da Lectura de Galicia na data do 30 de xaneiro, como homenaxe a Daniel Rodríguez Castelao, coincidindo co aniversario do seu nacemento. Para celebrar esta data, a Secretaría Xeral de Cultura programa estes días diversas actividades nas bibliotecas públicas centrais das cidades galegas, moitas delas en colaboración con socios e socias da AGPI.

Os obradoiros de ilustración e de banda deseñada serán os protagonistas da programación. Na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, o ilustrador Xosé Tomás será o encargado de impartir a actividade ‘Coñécete a través dos cadriños’, que terá lugar mañá sábado ás 12 horas. Neste obradoiro, os nenos e nenas de 6 a 12 anos aprenderán diversos recursos de expresións e técnicas da ilustración para crear personaxes baseadas no seu contorno e realizar as súas propias historias.

‘Xogando coa arte’ na Ánxel Casal
En Santiago de Compostela, a Biblioteca de Galicia acollerá tamén mañá, de 17 a 19:30 horas, ‘Xogando coa arte’, un obradoiro no que rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos terán ocasión de coñecer os grandes autores da pintura a partir do libro ‘Jan estivo alí’, de Xosé A. Neira Cruz. A inscrición na actividade pode realizarse a través da páxina web da Cidade da Cultura de Galicia.

Homenaxes a Castelao
Ademais, a Ánxel Casal tamén ofrece ata mañá dúas mostras bibliográficas para conmemorar o Día da Ilustración: ‘129º aniversario do nacemento de Castelao’ e ‘Ilustradores galegos’. En Lugo, a biblioteca pública tamén convida a cidadanía a se achegar á vida e obra de Castelao a través dunha mostra bibliográfica que se poderá ver ata o 14 de febreiro. Ademais, Castelao será o protagonista da mostra bibliográfica que se poderá visitar Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra, xunto co centro de interese ‘Ilustradores premiados co Andersen’, ata o vindeiro 14 de febreiro.

‘Mundos de papel’ en Vigo
Noemí López será a encargada de lles descubrir aos nenos e nenas de 4 a 12 anos enxeñosas técnicas para trasladar ao papel o imaxinario dunha historia a través do obradoiro ‘Mundos de papel’, que terá lugar mañá na Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo ás 12 horas. Xunto con esta actividade, a programación para celebrar o Día da Ilustración na Juan Compañel incluirá un obradoiro de banda deseñada a cargo da ilustradora María Villar, que terá lugar o mesmo día ás 12:30 horas, e que vai dirixido a nenos e nenas a partir de 6 anos. A inscrición para participar nas dúas actividades pode realizarse na propia biblioteca ou no teléfono 986 229 074.

Un encontro con Jacobo Fernández Serrano, mañá ás 12 horas, e unha exposición que reúne ata o 2 de febreiro as ilustracións máis representativas deste artista na súa obra ‘Marcopola, a illa remeira’ completan as propostas da biblioteca viguesa.

Obradoiros tamén en Ourense
Tampouco faltarán os obradoiros na Biblioteca Pública de Ourense, onde os rapaces e rapazas maiores de 12 anos, e os adultos, terán ocasión de aprender as técnicas e recursos necesarios para a confección dun cómic da man de Yago García, o sábado 31 ás 11:30 horas. Tamén mañá e á mesma hora, os nenos e nenas de 5 a 12 poderán traballar diversas técnicas actuais de ilustración (debuxo, colaxe etc.) co grupo Garabatos, que impartirá o obradoiro ‘Cores de inverno e ratos na biblioteca’. A inscrición pode realizarse na propia biblioteca.

Para a difusión dos seus fondos de banda deseñada, a biblioteca de Ourense organiza a exposición ‘Grandes ilustradores’, que se poderá visitar ata o vindeiro 7 de febreiro.

As actividades para celebrar o Día da Ilustración pode consultarse na Axenda da Cultura de Galicia, na páxina web cultura.gal.
 

Comparte