Nova: Volve o concurso de curtas de animación Nós tamén creamos!
31/01/2015
Volve o concurso de curtas de animación Nós tamén creamos!
O certame forma parte do programa de dinamización lingüística do mesmo nome que promove a Xunta en colaboración coa Compañía de Radio Televisión de Galicia e con OQO editora
O profesorado que interveña na elaboración das fitas gañadoras recibirá unha certificación de Premio de Innovación Educativa cunha equivalencia de 20 horas de formación permanente
Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e en colaboración coa Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG) e con OQOeditora, convoca unha nova edición do concurso de curtas de animación en galego “Nós tamén creamos!” cuxas bases poden consultarse nos webs www.lingua.gal e www.edu.xunta.es.
No marco deste premio, ata dous equipos de cada centro integrados por entre dous e catro docentes que impartan educación infantil ou primaria poderán guiar ó seu alumnado na elaboración dunha curta de animación coa técnica stop-motion. A curta deberá partir dun dos contos que, tras a inscrición do centro no concurso, recibirá o colexio; libros cuxos dereitos de autor foron cedidos á Consellería para as reelaboracións audiovisuais obxecto deste proxecto. Non necesitarán inscrición previa os colexios que xa estean participando na edición 2014-2015 do programa de dinamización lingüística “Nós tamén creamos!” no marco do Plan Proxecta. O prazo para a presentación das solicitudes de participación remata o próximo 22 de febreiro e o límite para entregar as curtametraxes na Secretaría Xeral de Política Lingüística, o 30 de abril.
Entre todas as gravacións recibidas, seleccionaranse as mellores de cada unha das categorías establecidas: infantil, primeiro-segundo de primaria e terceiro-cuarto de primaria. Os centros gañadores recibirán un diploma, un lote de libros de OQOeditora e un agasallo da CRTVG. Ademais, o profesorado participante nas creacións galardoadas obterá unha certificación de Premio de Innovación Educativa cunha equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado.
Todos os traballos que realice o alumnado poderán verse no web da CRTVG e as premiadas serán emitidas pola televisión sempre que a súa calidade técnica o permita.
Programa de dinamización lingüística
O concurso ”Nós tamén creamos!” forma parte do programa de dinamización lingüística homónimo que foi incluído no Plan Proxecta da Consellería de Cultura e Educación e que inclúe formación para o profesorado. Se nas primeiras edicións o concurso se limitou a un máximo de 60 centros e o ano pasado se abriu unicamente aos inscritos en Nós tamén creamos!-Proxecta, este curso ábrese á participación de calquera colexio público que imparta infantil ou primaria co fin de que poidan presentarse tamén os docentes que recibiron formación en anos anteriores e mais outro profesorado interesado. Cada centro poderá participar con un ou dous equipos integrados por alumnado e dous, tres ou catro profesores, un dos cales deberá pertencer ao equipo de dinamización da lingua galega.
Os obxectivos deste proxecto de dinamización lingüística son promover unha imaxe positiva e actual da lingua galega mediante a súa ligazón con actividades relacionadas coa cultura actual (audiovisual, TIC...), favorecer a aprendizaxe e o uso da lingua propia de Galicia en novos ámbitos e formatos e mais dar a coñecer as opcións de ocio en galego que lles ofrece aos cativos a sección infantil do web da TVG.
Innovación educativa
Ademais esta iniciativa fomenta a lectura en lingua galega, a creatividade e a formación estética, así como o coñecemento da linguaxe audiovisual e das ferramentas TIC. Todo isto convérteo nun programa moi completo e promotor da innovación educativa.
Esta acción está en consonancia con outras que centran as liñas prioritarias de acción da Consellería, coma o fomento do hábito lector -que se desenvolve fundamentalmente a través do Plan LÍA 2012/2015 de bibliotecas escolares para a lectura, a información e a aprendizaxe-; a promoción da sociedade da información –que se realiza mediante o proxecto Abalar-; ou o fomento do galego, que nos centros educativos se leva adiante, sobre todo, a través dos equipos de dinamización da lingua galega.