Nova: Román Rodríguez anuncia que a Xunta organizará en 2022 unha gran exposición sobre Laxeiro na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, en Madrid
19/11/2021
Román Rodríguez anuncia que a Xunta organizará en 2022 unha gran exposición sobre Laxeiro na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, en Madrid
Trátase dunha das grandes apostas do Goberno autonómico dentro da programación do Ano Laxeiro, que incluirá actividades diversificadas
Salienta o carácter “innovador e inconformista” do artista lalinense e valora a colaboración institucional para divulgar, protexer e promover o seu legado
Lalín (Pontevedra), 19 de novembro de 2021.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia está traballando na posta en marcha dunha gran exposición sobre Laxeiro na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, en Madrid. Así o explicou durante a presentación do catálogo da XV Bienal Pintor Laxeiro, que tivo lugar hoxe en Lalín, coa presenza do alcalde, José Crespo.
Como expresou o titular de Cultura da Xunta, esta exposición será unha das grandes apostas da Xunta dentro da programación do Ano Laxeiro, que o Goberno autonómico está a impulsar en 2022 coincidindo coa súa homenaxe no Día das Artes Galegas. “Para esta gran retrospectiva contamos coa colaboración da que é unha das máis respectadas institucións de España e un dos centros de dinamización cultural máis activos que nos ofrecerá a gran oportunidade para que Laxeiro saia de Galicia”, declarou.
A Xunta está a pechar os detalles desta gran exposición da que se poderá gozar o ano próximo, á que se sumarán diferentes actividades que forman parte da programación cultural “específica, completa e diversificada”. Román Rodríguez referiuse á importancia da colaboración institucional para poder manter o legado vivo deste artista lalinense “cun ano enteiro que nos vai permitir divulgar a súa obra fresca, transformadora, comprometida e 100% galega”.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade referiuse, ademais, a XV Bienal de Laxeiro -que se celebrou en setembro e da que hoxe se presentou o catálogo- como a primeira pedra destas celebracións, que facilitou poder gozar de ata 65 obras do artista, desde carteis ata debuxos coa súa marca persoal.