Nova: Xunta e Fundación Sgae presentan a playlist ‘Escoita o Camiño. Escoita Galicia’ con 2022 temas dun milleiro de grupos e artistas galegos

10/12/2021

Xunta e Fundación Sgae presentan a playlist ‘Escoita o Camiño. Escoita Galicia’ con 2022 temas dun milleiro de grupos e artistas galegos

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación desta iniciativa no marco do Xacobeo 21-22 que se difundirá prioritariamente nos albergues e lugares destacados das Rutas Xacobeas

O obxectivo é abrir unha nova canle para a promoción internacional da riqueza e a variedade da música galega
 

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2021.- A Xunta de Galicia colabora coa Fundación SGAE na posta en marcha dunha nova campaña de promoción internacional da música de Galicia en formato de playlist que, baixo o título Escoita o Camiño. Escoita Galicia, busca achegarlles aos peregrinos e ao resto do público a nosa riqueza e variedade musical no marco da celebración do Xacobeo 21-22.

Con tal fin, ofrécese a través da canle Spotify unha escolma que reúne o número simbólico de 2022 temas de 1000 artistas e grupos galegos, agrupados en 22 listas de reprodución temáticas, das que 13 xa estarán operativas nos vindeiros días. A súa difusión focalizarase inicialmente nos albergues e noutros puntos destacados do Camiño de Santiago en Galicia, mediante códigos QR para o acceso directo á playlist, así como mediante as redes sociais.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou este mediodía na presentación aos medios do proxecto xunto a Teo Cardalda, presidente do Consello Territorial da SGAE; Juan Carlos F. Fasero, director de Comunicación Pública e Red Territorial da SGAE, e outros colaboradores da iniciativa. O mesmo lugar que acolleu o acto, a Sala Germán Coppini, na sede da SGAE en Santiago de Compostela, será o escenario para a celebración musical do arranque de Escoita o Camiño. Escoita Galicia, na que Carlangas, cantante de Novedades Carminha, e Baiuca, compartirán escenario por vez primeira para ofrecer unha sesión DJ.

Máis de 130 horas de música

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade subliñou que esta iniciativa supón a “posta en relación dos Camiños de Santiago como esencia da cultura galega con todo o seu público potencial, nomeadamente os milleiros de peregrinos que chegan cada ano a Compostela polas Rutas Xacobeas”. Con tal fin, esta campaña de promoción lévase a cabo a través dun formato accesible e actual, que toma en consideración os hábitos actuais de consumo musical para ofrecer o acceso aberto a 136 horas de escoita de música galega.

Sutil especificou, así mesmo, que o resultado traducirase nunha completa fonoteca dixital da música galega de todos os tempos e estilos, na que teñen cabida desde os sons máis actuais con artistas en activo ata intérpretes do pasado que deixaron pegada na nosa historia musical, ou mesmo de colectivos moi presentes no imaxinario colectivo, como poden ser a música coral, de banda, de orquestras de verbena, de tunas etc. “Por suposto, todos os principais artistas e grupos do panorama musical actual están tamén presentes”, engadiu.
 

Comparte