Nova: Visitantes artístico-virtuais no Museo de Belas Artes da Coruña

30/01/2015

Visitantes artístico-virtuais no Museo de Belas Artes da Coruña

Héctor Francesch realiza a instalación Abarrote con siluetas de persoas en tamaño real

A intervención enmárcase no obradoiro Artistas no museo, unha actividade que favorece o contacto directo co proceso creativo e a implicación dos artistas na programación cultural do museo
 

  • Abarrote está feita con siluetas de persoas en tamaño real Abarrote está feita con siluetas de persoas en tamaño real

A Coruña, 30 de xaneiro de 2015.- O Museo de Belas Artes da Coruña presentou hoxe Abarrote no museo, unha instalación coa que Héctor Francesch dialoga coa arquitectura do centro a través de 30 siluetas de persoas en tamaño real. As creacións, que se distribúen en diferentes salas e espazos de todo o museo, foron presentadas hoxe polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; pola directora do museo, Ángeles Penas; e polo propio artista.

A instalación é froito do traballo realizado en 2014 no marco do obradoiro ‘Artistas no museo’, a través do que o alumnado tivo ocasión de se achegar ao universo técnico e creativo de Francesch. “Desde 2012, o Museo de Belas Artes da Coruña vén favorecendo con esta iniciativa que recoñecidos nomes do mundo das artes compartan a súa obra e coñecementos cos alumnos e alumnas que participan no obradoiro, así como co público”, afirmou Anxo Lorenzo.

Participación dos artistas na actividade do museo
Ademais da oportunidade de ter un contacto directo coa obra e cos procesos de creación dos autores e autoras, tamén se referiu o secretario xeral ao interese do obradoiro para “reforzar a participación e a implicación dos artistas galegos na actividade cultural que o museo vén desenvolvendo habitualmente”.

Visitantes artístico-virtuais
Para a realización da instalación, o artista coruñés contou coa colaboración de persoas que pasaban por diante do museo e que foron fotografadas de maneira voluntaria para logo seren debuxadas a tamaño real sobre unha silueta, para se converter en visitantes artístico-virtuais. Co fin de dar a coñecer entre a cidadanía a súa proposta, Héctor Francesch propúxolles a todas as persoas participantes no proxecto o reto de convidar un mínimo de 10 amigos ou amigas a visitar o museo para se facer co seu retrato e así “abarrotar o museo”.

Plataforma activa de dinamización cultural
A programación habitual do Museo de Belas Artes da Coruña ofrece ao longo do todo o ano diversos obradoiros e actividades dirixidas a distintas franxas de poboación para abrirse cada vez máis ao conxunto da cidadanía e converterse nunha plataforma activa de dinamización cultural.

Durante o pasado ano, realizáronse varios cursos sobre a historia da arte galega, a partir de exemplificacións das obras pertencentes ao museo, que contaron coa participación de máis de 100 persoas. Adamais, no programa de obradoiros para adultos destinados a familiarizar os públicos coas diferentes técnicas empregadas nas obras de arte desenvolvéronse o obradoiro de gravado ‘A xilografía’ e o obradoiro de debuxo ‘A copia do natural’. Para os máis novos, realizáronse obradoiros de pintura e de artes plásticas, dentro do programa educativo do museo.

Con sesións distribuídas ao longo de todo o ano desenvolveuse o curso de cine ‘Obras mestras do cinearte’, para divulgar e analizar os autores máis importantes do audiovisual artístico e experimental ata os nosos días. Ademais, en colaboración coa Universidad internacional Menéndez Pelayo e coa Asociación de Amigos do Museo de Belas Artes, o museo acolleu en outubro o encontro ‘Arte e emocións. En 2014 tamén tiveron lugar unhas xornadas de achegamento á etapa coruñesa de Picasso.

Os ciclos de conferencias ‘Os libros como punto de partida’ e ‘Aprender a ver’, centrado este último na cerámica, con especial atención á cerámica de Sargadelos do museo, así como unhas xornadas de achegamento á etapa coruñesa de Picasso foron outras das inciativas que desenvolveu o museo durante 2014.

Comparte