Nova: La Ribot chega ao Gaiás coa polémica obra El triunfo de la libertad
06/02/2015
La Ribot chega ao Gaiás coa polémica obra El triunfo de la libertad
Tras a discusión xerada na súa estrea en Xenebra, a obra vén por primeira vez a España coa intención de espir a escena e ao espectador e poñer a proba a liberdade da súa imaxinación
Olga de Soto tamén presentará mañá ás 18:30 horas a performance documental Una introducción, traballo de investigación sobre a percepción da danza; e Mónica de Nut o seu último traballo ‘Dos fíos invisibles chegan as cores’
Escenas do cambio inclúe hoxe na súa programación o debut de Marcelo Evelin en España con De repente fica tudo preto de gente ás 20:30 horas e Os contos de Joselín con Quico Cadaval, Celso Sanmartín e Guti ás 18:30
Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2015.- La Ribot, Premio Nacional de danza en España no ano 2000, desembarca na Cidade da Cultura da man do festival Escenas do cambio coa súa polémica obra El triunfo de la libertad. Escrita e dirixida en colaboración co coreógrafo Juan Domínguez e o actor Juan Loriente, El triunfo de la libertad segue provocando moita discusión desde a súa estrea no Festival de La Bâtie de Xenebra en 2014.
A obra, que chega por primeira vez a España, absorbe ao espectador nunha complexa rede de narración, anécdotas históricas, fragmentos poéticos e citacións. ‘El triunfo de la libertad’ é unha invitación ao público a reformular os seus desexos e ideas preconcibidas en canto ao teatro e, ao facelo, explorar e poñer a proba a liberdade da súa propia imaxinación. En palabras de La Ribot: “Queremos espir a escena e ao espectador”.
El triunfo de la libertad será a primeira obra con entrada de balde e terá lugar a partir das 20:30 horas na Sala I do Museo Centro Gaiás. As invitacións para asistir á función poden retirarse no mostrador do Museo en horario de 11 a 20 horas. Daranse un máximo de dúas por persoa.
Performance documental
Esta cuarta xornada de Escenas do cambio contará con outra das creadoras contemporáneas de referencia: Olga de Soto. Ás 18:30 horas, a Sala II do Museo Centro Gaiás acollerá a proxección de ‘Una introducción’, unha performance documental ao redor dun traballo de investigación e documentación sobre a percepción da danza.
De Soto segue nesta obra as pegadas que deixou no espectador A Mesa Verde, obra mítica do coreógrafo alemán Kurt Jooss, considerada unha peza esencial na Historia da danza. De Soto interrógase sobre a historia desta obra, compartindo cos espectadores aquilo que polo xeral é mantido á marxe e trazando un proceso de investigación complexo, cheo de interrogantes e de acontecementos, de pistas esbozadas e seguidas durante este traballo de documentación.
Para rematar esta primeira semana de festival, o Museo Centro Gaiás acollerá a partir das 22:00 horas e con entrada de balde un concerto a cargo de Mónica de Nut e Virxilio da Silva, que presentarán o seu último traballo discográfico: Dos fíos invisibles chegan as cores.
Por último, ‘Escenas do cambio’ presentará un novo espazo de creación da man da súa creadora: a coreógrafa Idoia Zabaleta. E rematarán os grupos de reflexión dirixidos a xestores culturais e novos artistas baixo a coordinación de Olga Mesa e Xesús Ron de mañá, e Cláudia Dias e Idoia Zabaleta pola tarde.
Danza con Marcelo Evelin e contos con Cadaval, Sanmartín e Guti
Para a xornada de hoxe, o festival ‘Escenas do cambio’ acollerá o debut en España un dos creadores máis recoñecidos da danza contemporánea: Marcelo Evelin e a peza ‘De repente fica tudo preto de gente’, que terá lugar ás 20:30 horas.
Previamente, ás 18:30 horas, subirán ao escenario tres imprescindibles do noso teatro: Quico Cadaval, Celso Sanmartín e José Luis Gutiérrez ‘Guti’ con ‘Os contos de Joselín’. Historias de mortos, de caciques, de curas, de personaxes singulares… O espectáculo recolle a tradición popular dos contacontos a través da figura de Joselín, o narrador galego de máis éxito de todo o século XX.
A terceira xornada do festival complétase coa conferencia da coreógrafa e bailarina María Muñoz, que a partir das 17:00 horas, estará na Aula Seminario do Museo Centro Gaiás impartindo unha charla sobre L’animal a l’esquena, centro de investigación sobre a linguaxe artística, contemporánea, como un lugar de reflexión e formación, como unha iniciativa para dinamizar a relación entre artistas e público e, finalmente, como un “refuxio temporal” no que a diversidade quere ser recoñecida como un valor fundamental.
Entradas a 8 euros
As entradas para todas as funcións do festival están á venda no Punto On da Cidade da Cultura e www.servinova.com a un prezo de 8 euros. ‘Escenas do cambio’ ofrece tamén unha oferta 4x3 (asiste a catro funcións e paga tres) por 24€. Esta última opción só está dispoñible a través do teléfono de servinova 902 504 500.