Nova: Os préstamos nas bibliotecas públicas da Xunta incrementáronse un 30% o último ano

11/01/2022

Os préstamos nas bibliotecas públicas da Xunta incrementáronse un 30% o último ano

Realizáronse máis de 700.000, tanto de libros de ficción e non ficción, como espe-cíficos para público infantil e xuvenil así como películas e revistas

Hoxe celébrase o Día das persoas usuarias, co nomeamento de socios de honra entre os que levasen máis material o ano pasado e haberá visitas guiadas

 

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2022.- As bibliotecas públicas xestionadas pola Xunta realizaron máis de 700.000 préstamos ao longo de 2021, o que representa un incremento do 30% con respecto ao ano anterior. Hoxe, Día das persoas usuarias das bibliotecas, nomearanse os socios e socias de honra entre as persoas do público adulto e infantil que levasen máis materiais nos últimos 12 meses e, en recoñecemento, poderán incrementar o número de préstamos este ano. Ademais, co gallo desta conmemoración recollida no Calendario do libro e da lectura de Galicia, realizaranse visitas guiadas en diferentes centros.

No conxunto, en toda a Rede de bibliotecas de Galicia, formada por máis de 300 centros bibliotecarios públicos existentes no territorio galego, o número de préstamos de 2021 superou os 1,3 millóns. A estes engádenselle os da plataforma de préstamo de libros electrónicos Galicia Le, con máis de 113.000, que consolidan o crecemento que está a vivir nestes últimos anos o consumo deste tipo de libros nas bibliotecas públicas da Xunta. É unha cifra que duplica aos rexistrados en 2019, cando se prestaran máis de 56.000.

Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés

No que se refire á efeméride celebrada hoxe, a Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés haberá percorridos ás 12,00 horas para coñecer as instalacións, os servizos e as coleccións do centro. A celebración complétase neste espazo cunha mostra bibliográfica dos volumes máis prestados durante o pasado ano. No caso da Coruña, os préstamos ascenderon en 2021 a 126.815, fronte aos 107.016 do ano anterior, o que supón un incremento do 18%.

O título máis demandado en castelán foi Naruto, de Mashashi Kishimoto, con máis de 800 solicitudes, seguido moi de lonxe de Inu-Yasha, de Rumiko Takahashi, con 159. Estes tamén foron os títulos protagonistas nos préstamos ao público infantil e xuvenil. No colectivo a partir de 14 anos a listaxe encabézaa Vagabond, de Takehiko Inoue, con 75 préstamos, e The boys, de Garth Ennis, con 56. Na literatura galega, o máis prestado foi Leo con Bubela, de Colectivo Bubela, con 55 exemplares, e O que sei do silencio, de Andrea Maceiras, con 27.

Biblioteca Pública de Lugo

A Biblioteca Pública de Lugo celebra o Día das persoas usuarias con visitas guiadas ás 12,00 e ás 18,00 horas. Este centro incrementou en máis dun 30% os préstamos. Sumou o pasado ano 105.932, fronte aos 80.206 de 2020. Nos volumes máis prestados repítese a banda deseñada con One piece, de Eiichiro Oda, con 695 solicitudes, seguido de Naruto, con 682. Ambos encabezan a listaxe tanto de volumes en castelán como para público infantil e xuvenil.

Os libros máis prestados para maiores de 14 anos tamén están encabezados por autores xaponeses, Hajime Isayana, con Ataque a los titanes, e Sui Ishida, con Tokyo ghoul. Pola súa banda, Os nenos da varíola de María Solar foi o libro máis prestado en lingua galega, con 33 demandas, seguido de O último barco, de Domingo Villar, con 27.

 

Biblioteca Nós de Ourense

Pola súa banda, a Biblioteca Nós de Ourense programou para a celebración de hoxe un encontro cos voluntarios e voluntarias do centro ás 18,30 horas. O incremento de préstamos neste caso foi de 33,5%, con 88.316 rexistrados, fronte aos 66.110 de 2020.

O cómic encabeza tamén as súas listaxes de volumes máis prestados en castelán e para público infantil e xuvenil. Trátase de Todo Mortadelo y Filemón, do autor español Francisco Ibáñez, con 314 solicitudes, seguido de Súper Patata, de Laperla, con 136. O público maior de 14 anos demandou Elfos, con 70 peticións, e Historia de la Filosofía, de Frederick Charles Copleston, con 55. En lingua galega os máis solicitados foron Bo Camiño, Valentiño!, de Gracia Iglesias, con 41 préstamos, e A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza, de Werner Holzwarth, con 33.

Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra

A Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra celebra o Día das persoas usuarias cunha actividade infantil de achegamento ao labor bibliotecario o vindeiro venres. Neste espazo o número de préstamos rexistrado en 2021 foi de 78.506, fronte a 59.397 en 2020. O incremento foi do 32,17%. Canto aos títulos máis prestados, repítese Naruto, con 664 peticións, seguido de My hero academia, de Kohei Horikoshi, con 247, tanto na listaxe de títulos en castelán como en infantil e xuvenil.

Entre maiores de 14 anos, os máis demandados foron La fundación, de Antonio Buero Vallejo, con 40 solicitudes, e Crónica de una muerte anunciada, de Gabriel García Márquez, con 38. En galego o exemplar que sumou máis préstamos foi O sol do verán, de Carlos Casares, con 35, seguido de Leo con Bubela, con 23.

Biblioteca Ánxel Casal de Santiago

En Santiago de Compostela, a biblioteca Ánxel Casal preparou para hoxe préstamos a cegas, co que as persoas que se acheguen poderán levar unha bolsa de agasallo con materiais en préstamo no seu interior. O centro compostelán prestou o pasado ano 130.494 volumes, fronte aos 98.384 de 2020, un incremento superior ao 32%.

Unha vez máis, Naruto ocupa a primeira posición nos libros máis prestados en castelán e para público infantil e xuvenil, con 1095 solicitudes, seguido, ao igual que en Pontevedra, de My hero academia. Os maiores de 14 anos demandaron sobre todo Buda, de Osamu Tezuka, con 76 peticións, e 20th Century Boys, de Naoki Urasawa. En galego, a Biblioteca básica Os Bolechas, de Pepe Carreiro, sumou 60 préstamos e Os Bolechas, do mesmo autor, 42.

Biblioteca Pública Juan Compañel, de Vigo

Por último, a Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo organizou para mañá visitas guiadas ás 12,00 e ás 18,00 horas para dar a coñecer as instalacións e como funciona o centro bibliotecario. Tamén se organizou un xogo de preguntas e respostas arredor do edificio, dos servizos e da institución, e entregaranse marcapáxinas conmemorativos. Asemade, sortearanse dous lotes de libros, un para adultos e outro infantil, entre quen utilicen a biblioteca nesa data.

En Vigo os préstamo medraron un 32%. Ascenderon o pasado ano a 176.596, fronte aos 133.357 de 2020. Neste centro volve encabezar Naruto a listaxe de títulos máis prestados, con 1339, seguido Los pitufos, de Peyo, con 504. No caso da maiores de 14 anos atopamos novamente cómics xaponeses nos primeiros lugares, con Maximum Berserk de Kentaro Miura, e One Piece. En lingua galega, o máis levado foi Un lume azul, de Pedro Feijoo Barreiro, con 51 préstamos, e Os nenos da varíola, con 48.

 

Comparte