Nova: Cultura celebra o éxito do audiovisual galego nas nominacións aos premios Goya 2015
07/01/2015
Cultura celebra o éxito do audiovisual galego nas nominacións aos premios Goya 2015
Catro fitas con participación galega aspiran a un ou máis galardóns
O sector galego estará representado en numerosas categorías, desde as de película e curtametraxe de animación, ata a de guión orixinal, entre outras
Ademais dous intérpretes da nosa terra, Javier Gutiérrez e Nerea Barros, foron nominados ao galardón a mellor actor protagonista e mellor actriz revelación
Santiago, 7 de xaneiro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra o éxito dos intérpretes, autores e producións audiovisuais galegos nas nominacións aos premios Goya 2015, feitas públicas esta mañá. Non en balde, dúas das fitas apoiadas este ano pola Consellería aspiran a estes galardóns, así como outras dúas con participación galega. Ademais, o talento da nosa terra estará representado en diferentes categorías a través de actores, actrices e guionistas.
Así, Ignacio Vilar e Carlos Asorey foron nominados na categoría de mellor guión adaptado por ‘A esmorga’, producida por Vía Láctea Films co apoio da Consellería e da Televisión de Galicia. De feito, está fita obtivo unha subvención de 334.369,75 euros do departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad, no marco das axudas á produción de longametraxes cinematográficas en lingua galega. Ademais foi nominada ao premio de mellor película de animación a fita ‘A tropa de trapo na selva do arco da vella’, de Abano Producciones, que recibiu unha subvención de 370.301,81 euros da Consellería a través da convocatoria de axudas a producións e coproducións audiovisuais, na modalidade de longas de animación. Por outra banda, na categoría de mellor curtametraxe de animación española foi nominada ‘Sangre de unicornio’, do coruñés Alberto Vázquez.
No referido aos intérpretes, o ferrolán Javier Gutiérrez foi seleccionado na categoría de mellor actor protagonista por ‘La Isla Mínima’, mesmo filme polo que a santiaguesa Nerea Barros acadou a nominación na categoría de mellor actriz revelación. Así mesmo, cómpre sinalar que a película ‘El niño’, que conta coa participación da produtora galega Vaca Films, acadou ata 16 nominacións para os Goya de 2015.
O departamento de Cultura da Xunta de Galicia considera que o éxito do audiovisual galego nestes galardóns e unha clara proba do bo facer dos profesionais vinculados á actividade cinematográfica na nosa terra, que desde as máis diferentes tarefas – creación, interpretación, produción…- vinculadas ao sector están a demostrar a súa cualificación e talento. A nominación aos premios da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España é, polo tanto, o recoñecemento público a ese traballo e esforzo, que supón ademais unha grande satisfacción para o sector da cultura en Galicia e, polo tanto, para a Consellería.