Nova: A Xunta conmemorará o centenario de Luz Pozo Garza cunha gran exposición na Biblioteca de Galicia que recollerá varias pezas persoais da autora
24/01/2022
A Xunta conmemorará o centenario de Luz Pozo Garza cunha gran exposición na Biblioteca de Galicia que recollerá varias pezas persoais da autora
O Goberno autonómico avanza na programación coa intención de completala con actividades culturais paralelas e algunha iniciativa do eido editorial
Os secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, Anxo M. Lorenzo e Valentín García, mantiveron un encontro co comité científico para preparar os actos
Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2021.- A Xunta conmemorará este 2022 o centenario da escritora Luz Pozo Garza cunha programación que terá como eixo central unha gran exposición na Biblioteca de Galicia que recollerá varias pezas persoais cedidas no seu momento pola propia autora. Así o avanzaron os secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, Anxo M. Lorenzo e Valentín García, na reunión que mantiveron co comité científico da mostra para avanzar nesta e outras actividades de conmemoración.
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade traballa xa na exposición coa que se quere dar cumprimento ao desexo expreso da propia autora, quen en maio de 2016 fixo unha doazón da súa biblioteca e arquivo á Biblioteca de Galicia e ao Arquivo de Galicia. A estes fondos sumaranse achegas diversas de persoas próximas á autora, doutras bibliotecas e arquivos de Galicia, así como a documentación audiovisual sobre a súa figura que poida ser compilada para a celebración.
Como complemento á mostra, trabállase na organización de mesas redondas, sesións de música, tendo en conta que a obra de Luz Pozo Garza foi e segue a ser obxecto de interese para compositores de música clásica e contemporánea. Tamén se está estudando a posibilidade de incorporar algunha iniciativa do eido editorial.
O Comité Científico das actividades está composto por Carmen Blanco (directora), Xesús Alonso Montero, Xosé María Álvarez Cáccamo, Mª del Carmen Calviño Rodríguez, Antonio Deaño Gamallo, Víctor Fernández Freixanes, Mar García Miraz, Pilar García Negro, Aurora López López, Olga Novo Presa, María Novo Villaverde, Manuela Palacios González, Andrés Pociña Pérez, Fernando Recamán Solla, Armando Requeixo Cuba, Claudio Rodríguez Fer, Olivia Rodríguez González e Darío Villanueva Prieto.
Poeta referente
Luz Pozo Garza foi unha das poetas fundamentais da poesía galega. Iniciou o seu labor editorial en Nordés, revista de poesía e crítica da que foi directora. Formou parte da Real Academia Galega (RAG) como membro numerario desde 1996 e tamén foi membro do Centro PEN de Galicia. Anfora (1949), O paxaro na boca (1952), Concerto de outono (1981), Códice Calixtino (1986) e Medea en Corintio’son algúns dos títulos que conforman a súa obra poética. Os premios Tomás Barros de ensaio, González Garcés e Letras de Bretaña, así como o da Crítica Española e a Medalla Castelao son algunhas das distincións coas que foi recoñecida a súa traxectoria literaria.