Nova: A Xunta convoca máis de 50 novas bolsas para impulsar a formación de especialistas en arquivos e bibliotecas

05/02/2022

A Xunta convoca máis de 50 novas bolsas para impulsar a formación de especialistas en arquivos e bibliotecas

Cun orzamento global de 575.600€, promoverase a aprendizaxe laboral tanto no Sistema de Arquivos de Galicia como na rede de bibliotecas xestionadas pola Xunta

Enmárcase no traballo do Goberno autonómico por reforzar a profesionalización e especialización en todos os eidos da cultura

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2022.- A Xunta de Galicia convoca este ano un total de 53 bolsas de formación para especialistas en arquivos e bibliotecas para o que destina 575.600€. Trátase dunha acción que se enmarca no traballo do Goberno autonómico por reforzar a profesionalización e especialización nos eidos culturais.

En concreto, convócanse 20 bolsas de formación para especialistas en arquivos coa intención de mellorar a empregabilidade destes profesionais e dotar ao sistema arquivístico galego de traballadores especializados. En total, a Xunta destina nesta convocatoria 114.000 euros, un 6% máis que o ano anterior, algo que permite reforzar a contía mensual que recibirá cada un dos beneficiarios.

Como se informa no Diario Oficial de Galicia (DOG), neste caso, o prazo para formalizar solicitudes rematará o 11 de febreiro. Os bolseiros realizarán actividades de formación relacionadas cos procesos técnicos que se realizan no ámbito dos arquivos e os seus fondos documentais. Realizarán o seu labor nos arquivos do Sistema de Arquivos de aos cales sexan destinados e nos servizos centrais da Consellería de Cultura e Educación.

As bolsas terán unha duración de seis meses, con posibilidade de prórroga por outros seis, e o importe bruto mensual será de 950 euros. Concederanse en réxime de concorrencia competitiva e na valoración terase en conta a titulación académica, a formación complementaria e a asistencia a congresos, xornadas e seminarios.

Biblioteconomía

Ademais, o Diario Oficial de Galicia publicou tamén a nova convocatoria de bolsas no eido de biblioteconomía. Neste caso destínanse 461.600€ para un total de 33 bolsas de formación que se distribúen en sete para a Biblioteca de Galicia, catro para a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, catro para a Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, catro para a Biblioteca Pública de Lugo, catro para a Biblioteca Pública de Ourense Nós, catro para a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, cinco para a Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel e unha para a Biblioteca Pública Municipal de Ferrol.

Formaranse no uso e tratamento dos fondos bibliográficos, a atención aos usuarios e a planificación, xestión e execución dos distintos servizos bibliotecarios. As bolsas contarán cunha parte teórica e outra práctica que será titorizada por persoal técnico bibliotecario baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Cultura. A dotación de cada bolsa é de 940 euros e terán unha duración máxima de 14 meses. O prazo de presentación de solicitudes remata o 3 de marzo.

Comparte