Nova: A Xunta abre mañá o ciclo de conferencias sobre María Casares coa actriz Johanna Silberstein e o arquitecto Felipe Peña
08/02/2022
A Xunta abre mañá o ciclo de conferencias sobre María Casares coa actriz Johanna Silberstein e o arquitecto Felipe Peña
As intervencións, que serán presentadas polo secretario xeral de Cultura, terán lugar no Museo de Belas Artes da Coruña ás 19,30 horas con entrada de balde
Trátase da primeira das accións previstas na programación conmemorativa do centenario da artista, que tamén incluirá produción teatrais, exposicións con pezas orixinais, así como propostas audiovisuais
A Coruña, 8 de febreiro de 2021.- A Xunta de Galicia arranca mañá o ciclo de conferencias María Casares. Do exilio ao escenario, coa actriz e codirectora do centro cultural francés a Maison Maria Casarès, Johanna Silberstein, e o arquitecto Felipe Peña, encargado de rehabilitar a casa familiar Casares Quiroga. As intervencións, que serán presentadas polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, terán lugar no Museo de Belas Artes a partir das 19,30 horas con entrada de balde. Trátase da primeira proposta da programación especial que o Goberno galego, en colaboración con distintas entidades nacionais e internacionais, impulsa este ano para conmemorar o centenario da artista.
Johanna Silberstein ofrecerá o relatorio Nacer española e morrer francesa. Os dominios da Vergne na historia de María Casares. Ademais de codirixir a Maison Maria Casarès desde 2017, a actriz desenvolve unha intensa actividade teatral no seo da compañía Veilleur e imparte obradoiros de iniciación e sensibilización arredor do teatro. Condecorada como Cabaleiro das Artes e das Letras, forma parte do colectivo À mots découverts-experimentation des écritures contemporaines, centrado no desenvolvemento de novas dramaturxias.
Pola súa banda, Felipe Peña afondará o seu traballo de rehabilitación da casa familiar Casares Quiroga na Coruña coa intervención Panaderas doce, en alusión ao enderezo no que se sitúa o inmoble, visitable e que funciona como centro cultural para temas de memoria histórica. Profesor honorario da Escola Superior Técnica de Arquitectura da Coruña, tamén colabora en programas internacionais sobre a rehabilitación do patrimonio europeo.
O ciclo prolóngase ata finais de ano cunha ducia de intervencións protagonizadas por personalidades relevantes do mundo das artes e da cultura que coñeceron desde a proximidade o traballo e o legado da artista. Así, a próxima cita será o 16 de marzo con Anne Plantagenet, autora dunha quincena de libros, novelas, contos, relatos, biografías e unha trintena de traducións do español. O seu último libro, L ‘Unique, Maria Casarès, está dedicado á actriz galega e baseado na súa correspondencia amorosa con Albert Camus. Ese día tamén impartirá un relatorio o director teatral Lluís Pascual, un dos fundadores do Teatre Lliure de Barcelona que estivo a cargo da súa dirección durante os anos 1998-2000 e 2011-2018.
Extensa programación todo o ano
A iniciativa enmárcanse na programación do centenario de María Casares promovida pola Xunta, que ofrecerá durante todo o ano actividades tanto en Galicia como fóra, a través de propostas dixitais, editoriais, escénicas e audiovisuais que percorrerán toda a súa pegada histórica desde diferentes plataformas e linguaxes. Xunto ao Goberno galego, a programación conta coa participación de diferentes entidades e institucións de distintos territorios, como a Biblioteca Nacional de España, a Embaixada de España en Francia, o Instituto Cervantes, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Edicións Xerais, a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), entre outras.
Entre as propostas para os vindeiros meses destacan tamén un proxecto en colaboración coa Embaixada de España en París e o Instituto Cervantes que incluirá unha mesa redonda, unha lectura escénica de fragmentos da actriz e unha mostra no Instituto de Cervantes de Marceau e Quentin Bauchart (Francia). En Madrid, en colaboración coa Biblioteca Nacional de España, haberá un ciclo de conferencias e charlas sobre a autora. En Galicia está prevista, entre outras, a posta en marcha de producións propias, coproducións e colaboracións con entidades galegas, nacionais e internacionais; un ciclo audiovisual na Filmoteca de Galicia e a edición de publicacións especiais, entre outras actividades.