Nova: Margarita Ledo Andión recibirá o premio de honra Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual

21/02/2022

Margarita Ledo Andión recibirá o premio de honra Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual

Román Rodríguez destaca da homenaxeada a súa figura referente da cultura e pioneira no ámbito audiovisual como docente, investigadora e cineasta comprometida coa lingua e o feminismo

O galardón entregaráselle o 19 de marzo na gala dos Premios Mestre Mateo do Audiovisual, que contan co apoio reforzado da Xunta de Galicia para a celebración do seu 20º aniversario
 

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2022.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou hoxe na Cidade da Cultura de Galicia a concesión do Premio de Honra Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual á xornalista, escritora, investigadora, docente e cineasta Margarita Ledo Andión. Este recoñecemento outórgaselle no marco dos XX Premios Mestre Mateo do Audiovisual Galego, que para este vixésimo aniversario contan co apoio reforzado da Xunta de Galicia mediante unha achega de 65.000 euros, un 30% máis que en 2021.

Este acto de comunicación contou tamén coas intervencións de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais; Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia Galega do Audiovisual, e Carmen Méndez, tesoureira da xunta directiva da Academia.

Tras desvelar o nome da homenaxeada este ano, gabou a traxectoria profesional de Margarita Ledo, da que subliñou a súa figura referente na cultura galega e pioneira no ámbito do cinema, “cunha ollada propia e fondamente comprometida con valores como a lingua ou o feminismo”, sinalou. Nestes mesmos motivos baseou a Academia Galega do Audiovisual a decisión de concederlle o seu premio de honra, para a que valorou tamén a recuperación de voces e relatos da nosa historia recente a través das súas películas, desde unha posición independente e reivindicativa, así como o seu papel na posta en marcha da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago e de iniciativas como o Grupo de Estudos Audiovisuais ou a cooperativa NUMAX.

O galardón entregaráselle no transcurso da gala dos Mestre Mateo, que terá lugar o 19 de marzo na Coruña. Como sinalou o conselleiro, este evento é unha “plataforma inmellorable para a proxección social e o recoñecemento do gran labor que desenvolven os profesionais do cinema e a televisión en Galicia”, ao tempo que subliñou o papel dos galardóns como estímulo para o sector, especialmente necesario nestes tempos nos que as empresas e profesionais do audiovisual teñen que lles facer fronte aos efectos da crise sanitaria no sector.

Inxección de 7,3 M€ en 2022

Neste sentido, a Xunta está a responder a este esforzo con varias liñas de apoio que, só en 2022, suporá unha inxección directa duns 7,3 millóns de euros a través do Hub Audiovisual da Industria Cultural e do reforzo do programa anual de subvencións ás industrias culturais.

No caso concreto do Hub Audiovisual, trátase do maior investimento no sector durante un período concreto, con 9,6 millóns de euros para o trienio 2021-2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.
 

Comparte