Nova: Neira Vilas recompila en Lar, Nai, Pan tres traballos de poesía en prosa

11/02/2015

Neira Vilas recompila en Lar, Nai, Pan tres traballos de poesía en prosa

A nova edición incorpora o cedé NAI no que a actriz Uxía Blanco interpreta os textos da peza homónima coa que o escritor de Gres homenaxeou á nai 

  • Lar, Nai, Pan Lar, Nai, Pan
  • O secretario xeral de Política Lingüística ,Valentín García, acompañou ao escritor e académico da lingua galega Xosé Neira Vilas no acto de presentación O secretario xeral de Política Lingüística ,Valentín García, acompañou ao escritor e académico da lingua galega Xosé Neira Vilas no acto de presentación

Santiago, 11 de febreiro de 2015.- O escritor e académico da lingua galega Xosé Neira Vilas presentou o libro Lar, Nai, Pan na librería compostelá Pedreira. No acto estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

“Con Lar, Nai, Pan regresamos ao Neira Vilas en estado puro. Á evocación da infancia, da terra nai, dun pasado neiraviliano que xa é de todos nós e que esta nova edición de Galaxia viste de modernidade coa contribución dunha xenial Uxía Blanco cargada de forza, de sensibilidade e de lirismo na evocación da figura das nais como piares de sabedoría e de seguridade ante a vida”, destacou García Gómez. O acto contou tamén coa participación do director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes; e mais da actriz Uxía Blanco.

Lar, Nai, Pan
Neira Vilas recompila en Lar, Nai, Pan nun só volume –ao igual que xa o fixo Charamuscas (1993)- a poesía en prosa recollida por separado nos monográficos Lar, Nai e Pan, editados nos anos 1973, 1980 e 1986, respectivamente. Como novidade inclúe un cedé no que Uxía Blanco interpreta as pezas de Nai, coas que Neira Vilas lle rendeu tributo a súa nai en particular e á figura das nais en xeral.

Malia seren escritas en anos diferentes, estas tres pezas que agora volve editar Galaxia gardan continuidade e comparten o mesmo ton poético, a mesma vontade de síntese e o mesmo afán evocador da infancia, da adolescencia e do tempo ido que caracterizan a obra neiraviliana. As páxinas chaman á reflexión e á saudade dos momentos vividos e dos escenarios íntimos, particulares e comúns, do múltiple devir da sociedade galega nos seus sentimentos, dores e esperanzas. En Lar, Nai, Pan é todo vello e novo ao mesmo tempo, pasado e presente, cavilación e vibrante latexo.

Comparte