Nova: A Xunta súmase á lectura do poemario de Rosalía con motivo da celebración do seu día

23/02/2022

A Xunta súmase á lectura do poemario de Rosalía con motivo da celebración do seu día

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, pecha os actos conmemorativos do seu nacemento impulsados polo Parlamento de Galicia e a Fundación Rosalía de Castro

É o primeiro ano que a efeméride se celebra o día 23 de febreiro, tras o achado dunha declaración notarial de 1843 que constata que non naceu o 24, como se pensaba

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2022.- A Xunta súmase aos actos conmemorativos do Día de Rosalía impulsados polo Parlamento de Galicia e pola Fundación Rosalía de Castro con motivo do 185 nacemento da autora máis destacada das letras galegas.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, pechou as celebracións coa lectura pública do poemario de Rosalía nun encontro celebrado no Hostal dos Reis Católicos que serviu de colofón aos actos institucionais desenvolvidos durante toda mañá en Santiago de Compostela e Padrón, dous lugares preferentes na vida e obra da escritora. Para a ocasión, Román Rodríguez escolleu o poema Na Catedral, de Follas Novas.

A xornada institucional comezou a primeira hora no Parlamento de Galicia, nun acto ao que tamén asistiu o conselleiro e que contou coa participación de alumnado do colexio CEIP Rosalía de Castro de Padrón. Ao longo do día continuou a celebración coa lectura de poemas diante da estatua de Rosalía en Padrón e unha alborada e ofrenda na praza de Vigo, en Santiago, moi preto onde naceu a autora, para finalizar no Hostal, antigo hospital onde foi bautizada a autora galega máis universal.

Este é o primeiro ano que o Día de Rosalía se celebra oficialmente o 23 de febreiro logo de constatar -tras o achado dunha declaración notarial de 1843- que esta foi a data do seu nacemento, e non 24 como se pensaba ata o de agora. No marco da efeméride, a Xunta está a programar unha ampla actividade que leva ás bibliotecas públicas, centros de ensino, así como Centros de Estudos Galegos no exterior, con propostas que se prolongan máis aló da efeméride. Inclúense mostras, obradoiros, espectáculos de narración oral, conferencias ou unidades didácticas para o ensino, entre outras.

Comparte