Nova: Ribeira acolle a estrea en Galicia de 'Operación Marea Negra', miniserie de Ficción Producciones e Prime Video co apoio da Xunta

25/02/2022

Ribeira acolle a estrea en Galicia de 'Operación Marea Negra', miniserie de Ficción Producciones e Prime Video co apoio da Xunta

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade asistiu a este pase especial, onde felicitou o equipo polo gran nivel dun traballo que puxo como exemplo do talento creativo e a solvencia empresarial do noso audiovisual

A produtora compostelá contou cunha subvención autonómica de máis de 250.000 para esta coprodución galego-portuguesa, rodada en ambos países e que a plataforma internacional emite desde hoxe en exclusiva para España, Portugal e Brasil

Daniel Calparsoro púxose á fronte da dirección desta serie, interpretada por Álex González e os galegos Nerea Barros, Luís Zahera, Xosé Barato, Miquel Ínsua ou Manuel Manquiña

Ribeira (A Coruña), 25 de xaneiro de 2022.- O Auditorio Municipal de Ribeira despregou esta tarde a alfombra vermella para acoller a estrea en Galicia da miniserie de televisión Operación Marea Negra, que se emite desde hoxe en Prime Video. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, asistiu ao pase especial xunto o equipo desta coprodución galego-portuguesa, encabezada pola compañía compostelá Ficción Producciones e apoiada pola Xunta de Galicia cunha subvención de máis de 250.000 euros.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañou o conselleiro nesta presentación, que contou tamén coa presenza do alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz; os produtores executivos Mamen Quintas e Julio Casal; os actores protagonistas, Álex González e Nerea Barros, así como Xosé Barato, Carlos Blanco, Iolanda Muíños e Manuel Manquiña, en representación do elenco galego da serie, no que figuran así mesmo Luís Zahera ou Miquel Ínsua. Ademais, o ferrolán Carlos Jean é o autor da banda sonora orixinal.

Román Rodríguez felicitounos polo gran nivel deste traballo, no que Ficción e Prime Video volven formar tándem despois da estrea de 3caminos, unha das grandes apostas audiovisuais da Xunta para o Xacobeo 21-22. Desta volta, a plataforma internacional emite en exclusiva para España, Portugal e Brasil os catro episodios de Operación Marea Negra, que conta tamén coa implicación de TVG e doutras televisións autonómicas, así como de canles, produtoras e entidades do país veciño.

Localizacións galegas

Daniel Calparsoro púxose á fronte da dirección da serie, rodada en diferentes localizacións dos concellos de Ribeira, A Illa de Arousa e Santiago de Compostela, así como en Portugal. A historia está inspirada no suceso real do primeiro narcosubmarino interceptado en Europa, un semisumerxible de construción artesanal que en 2019 atravesou o Atlántico con tres toneladas de cocaína no seu interior e finalmente foi apresado na ría de Aldán.

Para o responsable de Cultura do Goberno galego, esta miniserie reflicte o talento creativo e a solvencia empresarial do noso audiovisual, que conta ademais co compromiso da Xunta no reforzo do seu apoio económico para lle facer fronte aos efectos da crise sanitaria tanto a través tanto do seu programa anual de subvencións como da posta en marcha do novo Hub Audiovisual da Industria Cultural.

Liñas de apoio

Operación Marea Negra foi precisamente un dos 22 proxectos adxudicatarios en 2021 das subvencións para producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, dotadas con 2,5 millóns de euros. Xunto con esta liña de axudas, a Xunta apoia de xeito estable e habitual o sector a través das convocatorias para o impulso ao talento, desenvolvemento de proxectos e comercialización e difusión de obras audiovisuais, así como para festivais e salas de cinema.
A esta planificación anual súmanse no trienio 2021-2023 as novas iniciativas para o impulso do sector a través do Hub Audiovisual, un programa de apoio sen precedentes que busca acelerar a recuperación e garantir a estabilidade dos profesionais do audiovisual e do resto das industrias culturais galegas cun investimento de 9,6 millóns de euros a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

Comparte