Nova: A Companhia de Teatro de Braga trae a Santiago o espectáculo Um Picasso
09/02/2015
A Companhia de Teatro de Braga trae a Santiago o espectáculo Um Picasso
Ana Bustorff e Rui Madeira interpretan esta montaxe, dirixida polo brasileiro Eduardo Tolentino a partir desta obra de Jeffrey Hatcher sobre unha suposta detención de Picasso polos nazis durante a ocupación de París
A formación lusa, que está a conmemorar o seu 35º aniversario, regresa a Compostela no marco do plan de colaboración con Portugal que mantén o Centro Dramático Galego
Santiago, 9 de febreiro de 2015.- Este mércores día 11, ás 20.30 horas, o Salón Teatro de Santiago acolle o espectáculo Um Picasso da Companhia de Teatro de Braga, que regresa a Santiago de Compostela no marco do programa de colaboración que o Centro Dramático Galego (CDG) mantén con diferentes estruturas teatrais de Portugal.
Rui Madeira, director artístico da compañía lusa, sobe ás táboas para interpretar xunto a Ana Bustorff esta obra do dramaturgo e guionista cinematográfico estadounidense Jeffrey Hatcher, nunha especie de duelo dialéctico ambientado no París ocupado polo exército alemán durante a II Guerra Mundial. Baixo a dirección escénica do brasileiro Eduardo Tolentino, Madeira dá vida ao propio Picasso nesta historia sobre unha suposta detención do xenio malagueño por parte da Gestapo co fin de autenticar un dos seus autorretratos para unha exposición. Unha atractiva loura, Fraulein Ficher, será a encargada desta misión, tras a que se ocultan fins máis escuros: acabar coa liberdade artística.
Encontro na Escola Oficial de Idiomas
Como actividade paralela a esta representación da Companhia de Teatro de Braga, que este ano conmemora o seu trixésimo quinto aniversario, Rui Madeira protagonizará mañá martes un encontro cos alumnos de Portugués da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Santiago. Esta sesión, que terá lugar ás 20.00 horas na Sala 4 deste centro, insírese na liña de colaboración aberta nos últimos anos entre o Centro Dramático Galego e a EOI en relación coa presentación na cidade de compañías internacionais.
As entradas para a función de ‘Um Picasso’ no Salón Teatro están xa á venda a través da web entradas.abanca.com e poderán adquirise tamén nos despachos de billetes do Teatro Principal (a partir de mañá, de 18.00 a 21.00 horas) e do Salón Teatro (o mércores desde as 18.30 horas). O seu prezo é de 10 euros, con descontos do 40% para estudantes, xubilados, desempregados, usuarios do carné xove e determinados colectivos profesionais.
Este espectáculo forma parte, así mesmo, da oferta do bono teatral promovido conxuntamente pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e o Concello de Santiago de Compostela. O prezo deste bono, que pode mercarse nos devanditos despachos de billetes, é de 35 euros para un total de 5 funcións.
Máis teatro portugués
Um Picasso é a segunda das catro propostas lusas que se poderán ver durante este semestre na sede da compañía pública galega, que o pasado mes recibiu a formación do Porto Teatro Bruto con ‘O amor dos infelizes’. Xa en abril, o día 9 a Companhia de Teatro de Almada escenificará ‘O mandarim’, de Eça de Queiroz, e os días 8 e 9 de maio será a quenda da plataforma artística PELE e o Grupo de Teatro de Surdos do Porto coa peza ‘Nós’.
Neste mesmo programa de colaboración entre a unidade de produción teatral da Consellería de Cultura e Educación e diferentes estruturas escénicas do país veciño insírese a posta en escena de Saxo Tenor, de Roberto Vidal Bolaño, polo Teatro Nacional Dona María II de Lisboa. Esta versión portuguesa da obra do gran dramaturgo galego poderá verse tamén na capital de Galicia, neste caso no Teatro Principal os días 29 e 30 de maio. Pola súa banda, o Salón Teatro acollerá do 13 ao 29 de marzo Xardín suspenso, a nova produción propia do CDG que dirixirá Cándido Pazó a partir da obra do portugués Abel Neves.